O BNG pedirá no pleno da Coruña a axilización dos contratos da planta de residuos de Nostián
Dende o BNG da Coruña sinalan que o contrato para a xestión de Nostián concluíu en decembro de 2019 e desde aquela altura o Goberno Local anunciou en innúmeras ocasións que a licitación da nova concesión ía ser inminente.
Mais case 5 anos despois, os pregos nin sequera están á vista, o que enche de incerteza o cadro de persoal (que o sábado 25 de maio protagonizou unha mobilización) e as instalacións da planta non fan máis que deteriorarse. Ao mesmo tempo, o Consorcio das Mariñas amaga con abandonar Nostián, o que comprometería seriamente a viabilidade deste servizo municipal prestado en réxime de concesión.
É por todo isto que o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, volve levar ao Pleno o asunto e vaino facer este vindeiro xoves en forma de moción por medio do cal insta o Goberno Local a que axilice os trámites para a nova licitación da concesión “por ser este un imperativo legal que dota ademais de seguridade xurídica e viabilidade operativa o proxecto ambiental que sustenta as instalacións”.
Mais esa licitación ten que vir precedida dun acordo previo co Consorcio das Mariñas, tal e como o propio Pleno do Concello demandou ao aprobar unha moción o 2 de marzo de 2023.
É preciso, por tanto consensuar co Consorcio das Mariñas “os pregos que rexerán a concesión do tratamento do lixo, o cal inclúe o acordo sobre o anteproxecto da planta, o modelo de separación dos residuos e o financiamento do servizo”.
Jorquera constata que, á luz dos últimos pronunciamentos “contraditorios”, do Goberno Local e do Consorcio, o consenso non estaría precisamente nestes momentos ao alcance da man.
“Agardamos que as declaracións que se teñen cruzado Goberno Local e Consorcio, e que baixo o noso punto de vista non van na boa dirección, non agachen o interese en crear un escenario que presente como inevitábel a incorporación a SOGAMA”, remarca Jorquera.
Esa desde logo sería a peor opción, sendo que SOGAMA representa “un modelo moito máis contaminante e insostíbel do punto de vista ecolóxico”. “Todos os datos demostran que en Nostián se recicla moito máis, e iso a pesar das súas múltiples deficiencias, produto de que o servizo se está a prestar en precario desde hai case 5 anos”, argumenta o portavoz nacionalista.
Nostián debería ser, por tanto, “a demostración de que os concellos da comarca da Coruña temos capacidade para levar adiante e consolidar no tempo proxectos realmente ambiciosos e destinados, como é o caso, a mellorar a calidade de vida da xente e do noso medio natural”.
Todo o cal leva Jorquera a propor na moción a apertura dunha mesa de diálogo entre o concello da Coruña e os integrados no Consorcio das Mariñas, “e con todos aqueles que se queiran sumar”, para “avanzar nunha formulación que permita a coparticipación e corresponsabilidade” no modelo Nostián.