O BNG pedirá no Parlemento galego unha solución á situación crítica do CPI Castro Baxoi de Miño

ACoruñaXa
Desde o BNG de Miño lamentan que as promesas do PP “non valen nada" xa que pasado un mes desde a celebración do pleno "a Xunta non moveu un dedo”
A deputada no Parlamento Galego do BNG, Mercedes Queixas
A deputada no Parlamento Galego do BNG, Mercedes Queixas
20 Maio 2024

O BNG informa de que trasladará de novo este mércores na Comisión 4º do Parlamento de Galicia as demandas da ANPA do CPI Castro Baxoi. “Demandamos que a Xunta de Galicia tome medidas urxentes e necesarias para garantir unha correcta calidade educativa na aula de 4º de Educación Infantil, co profesorado de apoio suficiente e cumprir a normativa galega en cuestión de ratios máximas, realizando un desdobre xa obrigatorio”, explicou a deputada Mercedes Queixas.

"O pasado marzo a ratio de 25 alumnas na única aula de 4º de Educación Infantil chegou ao seu límite e que, deses alumnos, 3 teñen necesidades especiais (aínda que só unha delas está informada). Esta circunstancia daría pé a un desdobre xa obrigatorio pola propia normativa da Xunta de Galicia, sen necesidade dunha nova matrícula. Desde esa data, a Consellaría de Educación non fixo ningún tipo de declaración nin tomou ningunha medida, prexudicando gravemente a calidade educativa do alumnado e contradicindo a súa propia normativa”, engadiu a deputada.

Desde o BNG reclaman que a Consellería de Educación cumpra coa súa palabra dada en xullo do ano pasado e aumente os recursos materiais e humanos no CPI Castro Baxoi agora que é necesario, non só para o que resta do presente curso 2023-2024 senón tamén para o vindeiro curso, para evitar ter que recorrer aos "barracóns" ao suprimir aulas complementarias como a de música.

“Pedimos á Xunta que antes do remate do curso elabore un plan para dar cabida ao alumnado do CPI Castro Baxoi atendendo ás aulas dispoñibles, ao alumnado medio dos últimos anos e a baixada progresiva de ratio máxima aprobada pola Xunta de Galiza en xaneiro de 2024”, concluíu Queixas.
Acordo no Pleno Municipal

O pasado 18 de abril o BNG de Miño trasladou tamén ao Pleno a situación do CPI Castro Baxoi, onde sumou o apoio do PSOE para a aprobación da moción. Desde o BNG de Miño lamentan que as promesas do PP "non valen nada" xa que pasado un mes desde a celebración do pleno a Xunta non moveu un dedo, aínda que o PP xustificou a súa abstención en que "o BNG non pode pedir simplemente que se cumpra a lei, algo que se dá por suposto" e aseguraba que "a incorporación do profesorado de apoio vai realizarse de maneira inminente".

 

0.18393278121948