O BNG non apoiará os orzamentos do 2025 da Coruña

ACoruñaXa
O voceiro nacionalista Francisco Jorquera acusa ao PSOE de quebrantar a confianza e de incumprir os acordos previos
O portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera.
18 Nov 2024

O BNG anunciou este luns, durante o pleno extraordinario celebrado en María Pita, que non apoiará os orzamentos municipais do 2025 presentados polo Goberno local do PSOE. Segundo explicou o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, a decisión débese a unha "creba do principio de confianza" derivada do incumprimento da maioría dos acordos alcanzados co Executivo coruñés, tanto no pacto de investidura como no marco do orzamento vixente.

"Como xa anunciamos o pasado 30 de setembro, o BNG condicionaba o inicio das negociacións para os orzamentos do 2025 ao cumprimento dos compromisos asinados. Case dous meses despois, comprobamos que moitos deses acordos seguen sen cumprirse", sinalou Jorquera. Neste sentido, o voceiro aclarou que "non se dan as condicións" para chegar a un novo entendemento co PSOE.

Os incumprimentos do Executivo

Entre as principais queixas do BNG, Jorquera destacou o incumprimento dun incremento orzamentario de 250.000 euros para a Escola Municipal de Música, que debía destinarse a melloras no persoal e nas instalacións do centro. "Ese diñeiro nunca chegou ao seu destinatario, senón que foi utilizado para diminuír o déficit do Consorcio de Promoción Musical", denunciou.

Así mesmo, o modificativo de crédito aprobado no pleno, coñecido como M6, supuxo recortes en partidas previamente pactadas co BNG, como as destinadas á mellora de centros cívicos, recintos culturais municipais, actuacións no Castro de Elviña e no Castelo de San Antón, ademais de diversas obras de humanización nos barrios.

Jorquera tamén criticou a falta de celeridade do Goberno local para executar os proxectos acordados. "O Executivo asegura que non hai tempo para licitar e executar as actuacións, pero é responsabilidade súa que os proxectos estean listos en tempo e forma. O que ocorre é que priorizan a súa propia axenda mentres relegan as nosas iniciativas", argumentou.

Esforzos insuficientes para lograr un acordo

Aínda que Jorquera recoñeceu que o Goberno local tomou certas medidas nos últimos meses para facilitar un posible acordo, como a conxelación de taxas, a suspensión de licenzas na zona das Percebeiras ou a oposición xudicial á demanda da SIEPSE sobre a antiga prisión provincial, considerou que estes esforzos non compensan os numerosos incumprimentos acumulados.

"De nada valen os acordos se despois non se cumpren. A confianza é fundamental en calquera relación entre dúas forzas políticas, e neste caso, ese principio rompeuse. Non haberá novos acordos mentres non se restaure", concluíu Jorquera.

O voto por responsabilidade

A pesar das críticas, o BNG votou a favor do modificativo M6 "por responsabilidade". Este inclúe suplementos de crédito para partidas como o pagamento de facturas á Compañía de Tranvías (8 millóns de euros), a compensación por perdas no servizo de BiciCoruña, o financiamento da Escola Municipal de Música e unha achega adicional de 1,1 millóns de euros para o convenio coa Universidade da Coruña para o proxecto da Cidade das TIC.

Jorquera insistiu en que moitas destas medidas poderían terse solucionado se o Executivo cumprise o pactado no orzamento do 2024. "O Goberno local céntrase nas súas prioridades e deixa de lado as nosas, rompendo a confianza necesaria para seguir traballando xuntos", concluíu.

0.19518303871155