O BNG levará ao Pleno deste xoves os atrasos nas obras do mercado de Monte Alto

ACoruñaXa
A concelleira Avia Veira insta o Goberno Local a supervisar os medios da empresa adxudicataria e a informar á veciñanza
Imaxe do mercado municipal de Montealto na Coruña
3 Jan 2025

O BNG levará ao Pleno municipal deste xoves 9 de xaneiro unha moción para abordar os atrasos nas obras do novo mercado de Monte Alto. A concelleira nacionalista Avia Veira instará ao Goberno Local a supervisar se a empresa adxudicataria está a pór os medios materiais e humanos necesarios para cumprir os prazos tras a recente aprobación dunha prórroga de oito meses que amplía o remate das obras ata o 9 de setembro de 2025.

“O que non pode ser é que as empresas presenten ofertas por debaixo do prezo de licitación e despois non cumpran os prazos ou non poñan os recursos comprometidos”, denunciou Veira. A concelleira pediu ademais que se impoñan penalizacións por incumprimentos graves, tal como recollen os pregos administrativos do contrato, no caso de detectarse deficiencias.

A moción tamén demanda que o Executivo coruñés manteña informada á veciñanza de Monte Alto, ás praceiras e praceiros e á comunidade educativa da Escola Infantil de Monte Alto sobre o progreso das obras e os prazos previstos.

Entre as consecuencias dos atrasos, Avia Veira destacou que o Concello terá que soster durante máis tempo o mercado provisional na praza de Indalecio Prieto, prolongando as dificultades para as praceiras e praceiros. Ademais, as obras afectan á Escola Infantil de Monte Alto, cuxas prazas foron trasladadas á Escola Infantil Luís Seoane, sen garantía de que o próximo curso escolar poida comezar nas novas instalacións.

A concelleira tamén sinalou os problemas de mobilidade que afectan ás persoas usuarias do aparcadoiro do mercado, que terán que esperar máis tempo para dispoñer dun novo espazo de estacionamento.

0.16075301170349