O BNG levará ao Pleno da Coruña a situación de Monte Mero e pide ao goberno local que defenda a permanencia das familias nas súas casas

ACoruñaXa
Avia Veira preguntará se o executivo de Inés Rey está a interceder ante a Xunta polo dereito da veciñanza a manter as vivendas e reclama a reunión a tres bandas prometida
A CORUÑA monte mero (2)
11 Feb 2026

O BNG da Coruña interpelará este xoves, 12 de febreiro, no Pleno municipal, ao goberno local para que aclare se está a defender diante da Xunta que as veciñas e veciños de Monte Mero poidan permanecer nas súas casas ante o desenvolvemento urbanístico promovido polo Executivo galego na zona.

A concelleira nacionalista Avia Veira explica que a pregunta chega despois dun encontro coa veciñanza afectada, que lle trasladou o seu malestar pola falta de solucións e pola sensación de que as administracións ‘se pasan a pelota’ sen atender, segundo o Bloque, ás demandas das persoas directamente implicadas.

O BNG lembra que a alcaldesa, Inés Rey, comprometeuse cunha reunión a tres bandas (co Concello, a Xunta e a veciñanza) para que os residentes puidesen comprobar ‘como se lles defendía’ ante o Goberno galego. Porén, ese encontro non se tería producido e, segundo os nacionalistas, en decembro comunicóuselles que a reunión sería só coa veciñanza ao longo deste mes de febreiro, sen que a día de hoxe fose convocada.

Veira advirte de que a formación non quere que Monte Mero repita un escenario similar ao vivido en Elviña co desenvolvemento do coñecido como Parque Ofimático e sostén que ‘pódese atopar unha solución’ que compatibilice a promoción de vivenda protexida con criterios de sustentabilidade e o respecto ás persoas que xa residen na área.

⚙ Configurar cookies
0.080243110656738