O BNG leva ao Parlamento a preocupación polos recortes no Centro de Educación Infantil Castro Baxoi de Miño

ACoruñaXa
A deputada Mercedes Queixas lamenta as mentiras da Consellería e reclama garantías de que o próximo curso haberá dúas aulas en cada curso e máis profesorado
Imaxe da deputada do BNG, Mercedes Queixas
22 May 2024

A deputada do BNG pola provincia da Coruña, Mercedes Queixas, trasladou este mércores á Comisión 4ª do Parlamento a preocupación das familias das alumnas e os alumnos do Centro Público de Infantil (CPI) Castro Baxoi de Miño por mor dos efectos negativos que están a ter na atención educativa os recortes que a Consellería de Educación decidiu aplicar este curso “por cálculo de folla de excell e nula pedagoxía”.

Segundo explicou Queixas, nos últimos meses o rateo neste centro medrou até chegar a ser na actualidade de 26 alumnos e alumnas na única aula de cuarto de Educación Infantil, superándose así o máximo legal establecido pola propia Consellería neste primeiro curso de entrada na escola con tres anos. Deses alumnos, subliñou, tres teñen necesidades especiais, e unha delas precisa apoio a tempo completo.

Queixas aproveitou unha pregunta ao director xeral de Centros e Recursos Humanos de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, para denunciar as “mentiras” do Goberno do PP, que a finais da pasada lexislatura comprometérase no Parlamento a reforzar o cadro docente e a crear outra aula de infantil se aumentaba a matrícula, tal e como sucedeu, cumpríndose o previsible -subliñou- tendo en conta o constante aumento de poboación que se vén rexistrando en Miño nos últimos anos.

“Fronte á realidade, fixeron prevalecer a súa aritmética, que non a lexislación”, criticou a deputada nacionalista, subliñando que, xunto á aula eliminada, suprimíronse tamén dúas prazas docentes, unha delas de especialista de atención ás necesidades educativas especiais, coas consecuencias que iso tivo para a atención á diversidade no centro, que este curso só tivo unha profesora de apio para cinco aulas.

Mercedes Queixas reclamou ao representante da Consellería garantías de que o próximo curso volverá haber dúas aulas en cada curso de Infantil, tal e como se comprometeu Álvarez Bertolo de novo este mércores, e advertiu de que a estas alturas a dirección do CPI xa debería saber con que recursos vai contar para o próximo ano académico.

“Xa se ve que non pensa cumprir a palabra este curso, máis que vai facer para o curso vindeiro para cumprir a súa palabra?”, preguntou, para a continuación emprazar ao director xerar a non escribir outro capítulo na “crónica dunha mentira anunciada” sobre o CEI Castro Baxoi. Queixas lembrou, neste sentido, como o conselleiro utilizou a xente de Miño “como moeda de cambio” anunciando nas municipais do 2023 que ía converter este centro en CEIP e construír un instituto.

“Mentíronlle até ao portavoz do PP en Miño, que a raíz da última manifestación da ANPA dixo que contactara coa consellería e que ían incorporar un novo profesor de maneira inminente”, engadiu. “Ou mentiron vostedes ou mentiu á veciñanza o portavoz do PP”, engadiu, criticando a “pésima xestión” da Consellería en relación a cuarto de infantil do CPI Castro Baxoi.

“O seu aforro en recursos humanos está comprometendo a calidade educativa, a equidade, a inclusión e a atención á diversidade, da que falan moito pero practican bastante pouco”, concluíu.

 

0.16157484054565