O BNG leva ao Concello e ao Parlamento iniciativas para reclamar a recuperación da ría de Betanzos

O BNG presentou iniciativas no Concello de Betanzos e no Parlamento de Galicia para reclamar actuacións destinadas á mellora da ría de Betanzos e dos ríos Mendo e Mandeo. A proposta chega despois dunha reunión con diferentes axentes vinculados a este espazo, na que participaron a deputada Mercedes Queixas, a portavoz municipal do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, o responsábel comarcal do BNG das Mariñas e portavoz en Miño, Alberte G. Nicolás, e o membro da dirección local Antón Tenreiro.
A formación nacionalista solicita medidas para eliminar os puntos de vertedura, avanzar no saneamento integral da ría e impulsar actuacións que melloren tanto a sinalización como as infraestruturas da contorna.
A portavoz municipal do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, afirmou que “a ría de Betanzos é, a día de hoxe, unha das rías galegas con maiores índices de contaminación. A pesar de estar incluída dentro da Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras de Mandeo, leva anos esperando polas actuacións que permitan o seu saneamento e rexeneración, mais a Xunta de Galiza e o goberno do Estado miran para outro lado. Ademais, as verteduras son moi frecuentes, chegando a crear graves problemas de saúde e sen que o goberno galego tomase ningunha medida para solucionar o problema”.
Pola súa banda, a deputada do BNG Mercedes Queixas asegurou que “as distintas administracións, incluída a Xunta de Galiza, recoñecen que existen diversos verteduras en diferentes concellos da ría como Bergondo, Paderne ou o propio concello de Betanzos”. Engadiu que algunhas estacións depuradoras están obsoletas e puxo como exemplo o caso de Paderne, onde, segundo indicou, a rede municipal de saneamento aínda non está completada, non existe un sistema propio de depuración e só se dispón de decantadoras.
O BNG considera necesario adoptar medidas que permitan mellorar a calidade das augas da ría mediante actuacións de depuración e saneamento, co obxectivo de garantir tanto o uso das praias como a actividade dos bancos marisqueiros en condicións de seguridade.
A formación tamén reclama ao Estado a elaboración dun proxecto de avaliación ambiental estratéxico para a rexeneración da ría, que inclúa un estudo sobre a dragaxe, despois da cancelación do anterior proxecto hai case unha década.
Entre as propostas presentadas figuran tamén actuacións na zona portuaria de Betanzos, como o balizado da entrada da canle da ría, a creación dun pantalán de tránsito, a instalación de novas varandas e escaleiras de gato, a iluminación da lámina de auga, a colocación de depósitos para residuos e a construción dunha campa de varada.
As nacionalistas lembran que, mentres non se aprobe en pleno un convenio que modifique a situación actual, a administración competente sobre as instalacións portuarias continúa a ser Portos de Galicia.