O BNG lanza unha campaña para mellorar o transporte público nas Mariñas

O BNG das Mariñas puxo en marcha a campaña 'Nas Mariñas movémonos polo transporte público', unha iniciativa coa que busca abrir un debate comarcal sobre a mobilidade e reclamar un sistema de transporte máis útil, coordinado e adaptado ás necesidades reais da veciñanza.
A presentación tivo lugar na estación de tren de Betanzos, escollida pola formación nacionalista como símbolo das carencias que, ao seu xuízo, arrastra o transporte público na comarca. O responsábel comarcal do BNG das Mariñas, Alberte G. Nicolás, estivo acompañado por distintos representantes institucionais e orgánicos da organización.
Desde o BNG sosteñen que as actuais conexións por autobús e ferrocarril son insuficientes, con poucos horarios, enlaces deficientes e unha planificación que non responde ao día a día da poboación. A formación advirte de que esta situación afecta especialmente á mocidade, ás persoas maiores e á veciñanza das parroquias, que adoita depender do vehículo privado para desprazarse.
'Algo tan básico como moverse pola comarca non pode seguir sendo un problema', defendeu Alberte G. Nicolás, que vinculou o transporte público coa igualdade, a cohesión territorial e a posibilidade de desenvolver un proxecto de vida nas Mariñas.
A campaña propón avanzar cara a unha 'mobilidade en rede', con liñas que conecten parroquias e vilas, transporte a demanda nas zonas máis dispersas, melloras na intermodalidade entre autobús e tren e conexións adaptadas aos horarios laborais. O BNG tamén reclama reforzar a comunicación con núcleos urbanos próximos, especialmente coa Coruña e Ferrol, e consolidar o papel de Betanzos como capital comarcal.
A formación nacionalista alerta de que a falta de alternativas reais ao coche ten consecuencias ambientais, sociais e económicas. Por iso, defende unha planificación que permita acceder ao emprego, aos servizos públicos e á vida social sen que o lugar de residencia sexa unha barreira.
O BNG avanzou que a campaña continuará nas próximas semanas con novas accións para levar o debate da mobilidade aos concellos da comarca e presentar propostas fronte ao que considera unha falta de planificación dos gobernos galego e estatal.