O BNG insta no pleno a regular as terrazas e pide solucións para as concesións caducadas de María Pita

ACoruñaXa
Sinalan que o Goberno local anuncia un borrador para actualizar a normativa, pero evita abordar as instalacións vencidas desde 2022
BNG pleno Xaneiro en A Coruña
9 Jan 2025

Durante o pleno de xaneiro, a concelleira do BNG Avia Veira instou ao Goberno local a abordar dúas prioridades: a regulación da ocupación do espazo público por parte das terrazas e a solución para as instalacións cubertas de María Pita, cuxa concesión está caducada desde 2022.

Veira destacou a urxencia de actualizar a ordenanza de terrazas, compromiso adquirido no Acordo de Investidura, co fin de garantir a accesibilidade nas beirarrúas e rúas peonís, eliminar atrancos ao tránsito de cadeiras de rodas ou carros de bebés, e regular cuestións como a ocupación de prazas de aparcamento e o cumprimento dos horarios establecidos. “A falta desta normativa está a causar problemas tanto ás persoas residentes como á cidadanía en xeral”, sinalou.

A concelleira tamén criticou o desleixo do executivo local pola falta de decisións respecto ás terrazas cubertas de María Pita, que seguen operando nunha situación irregular. Segundo afirmou, “non hai ningún avance nin explicación por parte do Goberno local para solucionar unha cuestión que afecta un espazo moi querido polas coruñesas e coruñeses”.

En resposta, a edil de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, confirmou que o Concello está traballando nunha nova ordenanza e que xa existe un borrador, que será presentado proximamente. Porén, Díaz evitou pronunciarse sobre as concesións caducadas en María Pita, deixando sen resposta esta demanda do BNG.

Ademais, outras cuestións foron tratadas no pleno. O BNG destacou a inactividade do Consello Municipal da Cultura, cuxa última convocatoria foi en maio de 2024, e cuestionou a xestión das políticas de turismo, cuxo consorcio non se reúne desde marzo do ano pasado. Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura, respondeu cun ton que o BNG cualificou de “autocompracente”.

Por outra banda, o pleno aprobou as tres mocións presentadas polo BNG: dúas por unanimidade sobre as demoras na reforma do mercado de Monte Alto e a mellora da conexión por autobús coa estación provisional de ferrocarril; e unha terceira, para impulsar o Consello de Memoria Democrática, que contou co apoio do PSOE e a abstención do PP.

0.15655183792114