O BNG insta ao Goberno Local a cumprir o acordo de investidura e a deter o proxecto urbanístico nas Percebeiras

ACoruñaXa
Avia Veira esixirá no Pleno deste xoves a modificación do PXOM para garantir sustentabilidade e frear a especulación en Labañou
Imaxe da Concelleira Avia Veira na rolda de prensa
5 Nov 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) fixo un chamamento firme ao Goberno Local, instándoo a respectar o acordo de investidura asinado co PSOE, no que se comprometían a modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no ámbito das Percebeiras. A proposta de Metrovacesa, que contempla a construción de edificacións de gran altura, xerou unha forte contestación entre a veciñanza de Labañou e diversas asociacións ecoloxistas que rexeitan a urbanización da zona por considerar que poñería en risco o equilibrio ambiental e o carácter do barrio.

Avia Veira, concelleira do BNG, recorda que o acordo de investidura establecía que esta modificación do PXOM debería completarse no prazo de dous anos, pero, transcorrido máis dun ano de mandato, aínda non se iniciou a tramitación. “Sabemos que estes procesos son longos e que se precisa de tempo, polo que o Goberno Local xa vai con certo retraso para cumprir co prometido”, destacou Veira. Na súa intervención, Veira criticou as distintas propostas de Metrovacesa, recordando que unha delas pretendía levantar unha torre de 23 andares, proxecto que foi rexeitado pola Demarcación de Costas do Estado ao non cumprir os requisitos de protección ambiental.

En abril de 2024, a promotora presentou unha terceira proposta, que tampouco obtivo o informe favorable de Urbanismo do Concello, algo que, segundo Veira, debería evidenciar a necesidade de realizar unha modificación do PXOM. “Os propios informes municipais indican que unha modificación puntual do PXOM nas Percebeiras é necesaria”, sinala Veira, que incide en que o cambio podería garantir un desenvolvemento urbano máis respectuoso coa contorna e acorde cos principios de sustentabilidade ambiental. “Esiximos que o Goberno Local comece de inmediato os trámites para establecer un plan que priorice as zonas verdes, respecte a contorna e protexa o bordo litoral, tendo en conta o contexto actual de crise climática”.

O BNG levará este xoves ao Pleno unha moción para instar ao Goberno a poñer en marcha a modificación do PXOM e impedir así que a urbanización masiva nas Percebeiras avance sen controis. Con esta medida, o BNG pretende asegurar un futuro urbano máis sustentable, que tamén inclúa a protección de vistas sobre a Torre de Hércules, símbolo do Patrimonio da Humanidade. “Este proxecto compromete o benestar e a calidade de vida dos veciños de Labañou e o propio patrimonio da nosa cidade”, concluíu Veira.

0.16479396820068