O BNG insta ao Concello a facer a rehabilitación e musealización da casa na que viviu Rosalía de Castro

ACoruñaXa
A concelleira nacionalista, Mercedes Queixas, demanda que o Goberno Local chegue a un acordo con Abanca, propietaria do inmoble, que actualmente está pechado ao público
Fachada de casa na que Rosalía de castro morou na Coruña
27 Feb 2024

A concelleira do BNG Mercedes Queixas acaba de rexistrar unha batería de preguntas por escrito por medio das cales insta o Goberno Local a que cumpra a moción aprobada no Pleno de 2021 e promova a rehabilitación e musealización da casa coruñesa -no número 3 da Rúa do Príncipe- na que morou Rosalía de Castro entre os anos 1871 e 1874.

“A Coruña deixou unha forte pegada na obra de Rosalía e desde logo a nosa grande poeta nacional deixou unha forte pegada na nosa cidade”, afirma Mercedes Queixas, quen a seguir critica o Goberno Local por non ter celebrado de ningunha maneira o recente 187 aniversario -foi o pasado 23 febreiro- da autora de Cantares Gallegos. “Infelizmente, na política cultural do Concello non se ten en conta o legado rosaliano”, denuncia.

No ano 2021, a moción -que foi defendida no Pleno polo portavoz do BNG, Francisco Jorquera- fora aprobada por unanimidade e con ela se instaba o Goberno Local a chegar un acordo con Abanca, propietaria da casa coruñesa en que residiu Rosalía, para que se lle cedese ao Concello con vistas a rehabilitar o espazo, musealizalo e abrilo ao público.

“Máis de 2 anos despois, nada se ten feito”, lamenta Queixas. “Instamos o Goberno Local a que dea pasos para materializar o acordo e dotar a cidade dun espazo para o enaltecemento e recoñecemento da figura de Rosalía na Coruña”.

O BNG sinalada que nestes momentos, a casa -que durante a época en que pertencía a Caixa Galicia estivo a piques de ser cedida á Real Academia Galega- non está aberta ao público e atópase nun estado de seria deterioración.

“Non é posible que o Concello fique de brazos cruzados. Debe establecer conversas inmediatas con Abanca e ao tempo xestionar o apoio doutras administracións públicas -nomeadamente a Xunta e a Deputación- para a materialización do proxecto de rehabilitación, musealización e apertura ao público”, demanda a concelleira nacionalista.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15246486663818