O BNG insta a Inés Rey a intensificar a presión para declarar A Coruña zona de vivenda tensionada

ACoruñaXa
A conselleira Avia Veira critica a falta de acción da alcaldesa ante a escalada dos prezos dos alugueres e levará o asunto ao pleno do 11 de decembro
Imaxe da Concelleira Avia Veira na rolda de prensa
4 Dec 2024

A concelleira do BNG Avia Veira urxe á alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, a que “pete na porta da Xunta cantas veces faga falta” para lograr que a cidade sexa declarada zona de mercado residencial tensionado. Esta figura, incluída na Lei estatal de vivenda, permitiría regular os prezos dos alugueres, cuxo incremento converteu en inaccesíbel a vivenda para moitas persoas.

“O Goberno local non parece dar prioridade a este problema social de primeira orde, e iso reflíctese na falta de medidas contundentes”, asegurou Veira, quen levará o asunto ao pleno do próximo 11 de decembro en forma de pregunta oral dirixida ao executivo municipal.

O BNG tamén critica a recente constitución da Mesa Sectorial de Vivenda, na que, segundo Veira, non estiveron presentes colectivos afectados pola dificultade de acceso a vivendas dignas, mentres que si participaron axentes do sector inmobiliario contrarios á declaración de zona tensionada.

A formación nacionalista, que lanzou recentemente a campaña 'Vivir na Coruña é... imposíbel', subliña a necesidade dunha maior presión política sobre a Xunta. “Non basta con enviar unha carta á conselleira; é preciso moito máis para defender os dereitos da veciñanza”, concluíu Veira.

0.15298795700073