O BNG insta a Inés Rey a esixir á Xunta a declaración da Coruña como zona de vivenda tensionada

ACoruñaXa
A concelleira nacionalista Avia Veira destaca a escalada dos prezos dos alugueres como "o principal problema social da cidade" e reclama medidas urxentes
Fío directo BNG
13 Dec 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través da concelleira Avia Veira, instou onte á alcaldesa Inés Rey a presionar á Xunta de Galicia para que declare A Coruña como zona tensionada. A demanda foi realizada durante a cuarta edición do 'Fío Directo co BNG', celebrada no Centro Cívico da Cidade Vella, un foro de debate aberto á cidadanía sobre os problemas da cidade.

Veira describiu a situación da vivenda na Coruña como crítica, apuntando que os prezos dos alugueres subiron un 31% desde 2019, con barrios como Os Castros e O Castrillón rexistrando aumentos de até o 50%. “O acceso a unha vivenda digna é practicamente imposíbel para unha persoa cun salario medio ou mesmo superior”, afirmou.

A concelleira sinalou catro factores que contribúen á crise: a existencia de 20.000 vivendas baleiras, a proliferación de vivendas de uso turístico sen regulación, a falta da declaración de zona tensionada e a ausencia de políticas de apoio ás persoas inquilinas.

Ademais de reclamar presión á Xunta, Veira destacou a necesidade de actuación municipal: “O Concello debe impulsar EMVSA como promotora de vivenda pública, regular as vivendas turísticas cunha ordenanza clara e reforzar o servizo de asesoramento ás persoas inquilinas”.

En ton irónico, Veira fixo referencia ás declaracións recentes da alcaldesa sobre Alfonso Rueda: “Se a alcaldesa cre que Rueda ten visións interesantes sobre A Coruña, que lle pete na porta até conseguir esta declaración, que permitiría controlar os prezos e aliviar a carga para as familias”.

 

⚙ Configurar cookies
0.65606689453125