O BNG insta a implementar a Ordenanza do Galego para frear a caída de galegofalantes na Coruña
O BNG esixe ao goberno municipal da Coruña medidas urxentes para abordar o grave descenso de galegofalantes na área urbana, onde o uso do galego caeu ata un 25% respecto ao informe de 2018, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Mercedes Queixas, concelleira do BNG, insta ao Concello a activar plenamente a Ordenanza do Galego aprobada en 2021, incluíndo a creación do Consello Local da Lingua e a redacción do Plan de Normalización Lingüística, medidas que considera fundamentais para deter o retroceso do galego na cidade.
No pleno de xaneiro, o Concello aprobou por unanimidade unha moción do BNG que instaba a implementar ambas as iniciativas no primeiro semestre de 2024, mais, segundo Queixas, ningún dos compromisos foi cumprido. A concelleira recalca que a Ordenanza do Galego é unha ferramenta necesaria para frear o avance do monolingüismo en castelán e traballar pola normalización lingüística, pero afirma que para que isto sexa efectivo “é imprescindible que exista unha vontade política real de levala adiante”.
Diante desta situación, Queixas pregunta ao goberno local se ten realizado unha análise obxectiva das accións desenvolvidas até agora e solicita que se aclaren os prazos para impulsar o Plan de Normalización e constituír o Consello Local da Lingua, organismo encargado de supervisar a aplicación da ordenanza. Para o BNG, a posta en marcha destas medidas representa un primeiro paso crucial para reverter a tendencia de perda de galegofalantes na Coruña e garantir o acceso ao uso do galego na vida cotiá da cidade.