O BNG fíxase como obxectivo obter máis alcaldías nas cidades nas eleccións municipais do ano próximo

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Pontón presenta o dream team ás alcaldías das sete urbes: “Queremos estender o noso modelo municipal de éxito a todas as cidades”
candidatos-cidades-bng
30 Sep 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Santiago ás candidatas e candidatos do BNG ás alcaldías das cidades galegas nas eleccións municipais do próximo 23M, cita coas urnas á que a formación nacionalista concorre co reto de lograr máis alcaldías nas sete cidades de Galiza.

Pontón reivindicou a Avia Veira na Coruña, Rubén Arroxo en Lugo, Luís Seara en Ourense, Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra, Xavier Pérez Igrexas en Vigo, Goretti Sanmartín en Santiago e Mon Fernández en Ferrol como “o dream team do BNG para xogar na liga das grandes cidades nas eleccións municipais”, co ambicioso obxectivo de “ampliar as alcaldías e estender os gobernos do BNG a máis cidades”.

“Neste momento estamos liderando Pontevedra e lideramos Santiago, pero non nos conformamos, queremos máis BNG nas cidades, queremos estender o noso modelo urbano de éxito a todas as cidades do noso País e imos a por todas”, afirmou logo da reunión de traballo que mantivo cos sete candidatos e candidatas.

Con este ambicioso obxectivo sobre a mesa, a líder nacionalista augurou que chegará como sucede en cada proceso electoral a ladaíña habitual de que o Bloque xa tocou teito, exactamente igual que cando se negaba a posibilidade de que acadara alcaldías como as de Pontevedra ou Santiago. “E aí están Pontevedra con Lores e Santiago de Compostela con Goretti Sanmartín”, recordou.

“Por iso sabemos que é posible, que imos gobernar máis cidades porque saímos a por todas, sen poñernos límites e por que demostramos que sabemos facer as cousas ben e mellorar a vida da xente, demostramos que sabemos gobernar”, proclamou.

A portavoz nacional explicou que estes comicios son un reto importante que o BNG asume con todo o rigor e toda a ambición, de feito, xa ten aprobado o seu programa marco e elixidos os candidatos e candidatas de 94 concellos.

“Estou convencida de que imos ter un gran resultado, que imos ser a forza política que máis suba nestas eleccións, que imos ter un resultado histórico para poder estender o modelo de éxito do BNG a máis cidades”, afondou, recordando que nas municipais de 2023 o Bloque aumentou nun 57% os votos recibidos.

Quedan oito meses de traballo, remarcou, para “seguir afortalando ao BNG como alternativa real fronte a un PP que está empeorando a calidade de vida da xente a base de recortes ou tomando decisións que encarecen o custo da vivenda”, pretendendo ademais que a sociedade galega “se conforme cun futuro precario”.

“A sociedade galega estase rebelando precisamente contra a precariedade do Partido Popular, contra o deterioro das condicións de vida, e cada vez máis xente mira cara ao BNG como a alternativa que pode darlle futuro e esperanza”, advertiu para reivindicar ao Bloque como “a alternativa fronte a un PP cada vez máis ultra”.

A líder nacionalista pediu neste punto aos candidatos e candidatas que dean o mellor de si e que traballen con humildade e coa man tendida aos sectores máis dinámicos da sociedade para conseguir o ambicioso obxectivo de “ampliar as alcaldías nas cidades” e que isto “marque o inicio “da gran transformación que Galiza necesita”.

Unha transformación, alegou, na que as cidades -nas que viven un millón de persoas- están chamadas a xogar un papel clave para un futuro que non pode verse lastrado por localismos estériles e confrontacións inútiles, senón no que debe haber unha visión de conxunto e un traballo en rede nas sete urbes. “Porque pensar as cidades é pensar o país que queremos ser”, sintetizou.

Nesta liña, apuntou a aproveitar a capacidade e diversidade das cidades galegas para poñela ao servizo dun proxecto compartido que permita aproveitar o potencial de cada unha delas e facer que os seus avances repercutan no benestar de toda a sociedade galega.

“Para o BNG todas e cada unha das cidades teñen un enorme potencial que hai que saber aproveitar e tamén son columnas vertebrais sobre as que asentar un novo modelo de desenvolvemento económico e social que debe ser sustentable, que debe apostar pola ciencia, pola calidade nos modelos urbanos e onde as persoas se poñan no centro, garantindo dereitos básicos como, por exemplo, o acceso á vivenda”, afondou.

Modelo urbano de éxito

Pontón exemplificou o modelo urbano de éxito do BNG en Pontevedra, cidade que o Bloque leva “case tres décadas transformando” e que hoxe é referencia dentro e fóra de Galiza, con múltiples premios polas súas políticas de vangarda. “Deixamos atrás aquela Pontevedra gris, sen esperanza, e hoxe temos unha cidade luminosa e de vangarda”, salientou, para apuntar que Lores e o seu equipo teñen toda a forza e empurre para seguir traballando pola Pontevedra do futuro e “impulsar unha nova gran transformación na cidade”.

A portavoz do BNG recordou que o Bloque tamén fixo historia en Santiago nas anteriores municipais con Goretti Sanmartín convertida na primeira alcaldesa da cidade e demostrando que “hai outra forma de gobernar”, poñendo as persoas no centro e desbloqueando proxectos que levaban moitos anos paralizados na cidade -que exemplificou no servizo de transporte público-, a pesar de ter “a oposición máis destrutiva nunca vista” que “quere poñerlle paus nas rodas ao desenvolvemento” de Compostela.

“Queremos ir máis rápido, pero para iso necesitamos un apoio maioritario á alcaldesa, para darlle a forza suficiente que evite que esa oposición destrutiva antisantiaguesa que quere bloquear a cidade poida ter esa posibilidade”, asegurou, para subliñar a continuación que en Santiago só vai haber dúas opcións. “Ou volven os herdeiros de Conde Roa ou temos a Goretti Sanmartín de alcaldesa dándolle futuro á cidade”, incidiu, mostrando o seu convencemento de que a veciñanza de Santiago “vai apostar polo futuro e non polo pasado”.

A líder nacionalista evidenciou así que o BNG ten o aval do traballo feito e demostrou que conta cun proxecto que “mellora a vida das persoas e que fai avanzar as cidades” porque defende dereitos básicos como o da vivenda fronte á especulación, os servizos públicos fronte aos recortes, o territorio e o medio ambiente fronte aos negacionistas do cambio climático e constrúe cidades inclusivas e diversas desde a igualdade e o orgullo de ter unha cultura e unha lingua propia.

“Con este aval presentámonos a unhas municipais nas que queremos ter a confianza de máis veciños e veciñas para poder liderar máis cidades neste País”, recalcou, logo de reivindicar ao BNG como a referencia do cambio en Galiza, dado que na cabeza e no corazón de milleiros de galegos e galegas hai unha enorme ilusión e esperanza arredor do Bloque.

Persoas, alegou, que confían na formación nacionalista porque queren outra forma de facer política e outra Galiza posible. “Quero dicirlles a todas esas persoas que imos a traballar duro para estar á altura da súa confianza e que imos empezar a facelo desde os concellos”.

Pontevedra e Santiago, subliñou, son o exemplo do importante que é que o BNG goberne nas urbes para construír cidades con máis calidade de vida e poñer as persoas no centro. “Nas próximas municipais, ofrecemos nas cidades este dream team, os mellores candidatos e candidatas, con ambición de sumar máis alcaldías e máis gobernos BNG con proxectos transformadores e con equipos preparados para levalos adiante”, reafirmou.

“En definitiva, queremos máis BNG nas cidades porque sabemos que xogan un papel fundamental para construír esa Galiza en grande que queremos, esa Galiza á que aspira unha nova maioría social que, desde logo, non se conforma coa precariedade nin co retroceso que significa neste momento o Partido Popular”, concluíu.

0.17180895805359