O BNG esixe que a pesca sexa prioritaria no deseño da nova fachada marítima da Coruña
Na comparecencia de Juan Carlos Corrás, presidente da Lonxa da Coruña, e Severino Ares, de Pescagalicia-Arpega-O Barco, durante a Comisión Especial da Fachada Marítima, Francisco Jorquera, portavoz do BNG, destacou a relevancia de atender ás necesidades da pesca na planificación do futuro do porto coruñés. "Concordamos co presidente da Lonxa e de Pescagalicia en que a pesca necesita certezas", afirmou Jorquera, quen tamén salientou a importancia de que A Coruña siga a ser un porto pesqueiro de referencia.
Jorquera subliñou que a pesca non é só "barcos que amarran e descargan peixe", senón un sector complexo que inclúe unha potente industria auxiliar, loxística e comercializadora ao seu redor. Por este motivo, asegurou que é fundamental que o plan de usos portuarios e o deseño da nova fachada marítima teñan en conta a pesca como un elemento clave, non como algo marxinal ou decorativo.
"O porto da Coruña é motor económico da cidade, e non concibimos unha Coruña na que a pesca deixe de selo", conclúe o portavoz nacionalista, poñendo énfase na importancia económica, social e cultural deste sector para o futuro da cidade.