O BNG esixe no Parlamento Galego máis persoal no PAC de Santa Cruz

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volve a poñer no foco a situación sanitaria de Oleiros, reclamando no Parlamento Galego un incremento de persoal no Punto de Atención Continuada (PAC) de Santa Cruz. Actualmente, este servizo esencial atende unha poboación de case 38.000 persoas cun único profesional por quenda, o que xera riscos evidentes en caso de emerxencias fóra do centro, que queda sen atención durante o tempo necesario para cubrir estas incidencias.
A deputada do BNG, Iria Taibo, subliñou que un concello do tamaño de Oleiros precisa unha atención sanitaria adecuada, non só polo volume poboacional que xestiona —incrementado significativamente no verán—, senón tamén para garantir a calidade asistencial e o respecto aos profesionais sanitarios. Así mesmo, destacou a importancia de promover un uso adecuado dos servizos sanitarios entre a veciñanza, evitando a saturación das urxencias hospitalarias cando non sexa estritamente necesario.
O BNG leva anos demandando unha mellora da dotación sanitaria en Oleiros. Ademais, a deputada lembrou que están previstas novas urbanizacións no norte do concello, o que fai imprescindible prever a ampliación dos servizos públicos básicos. Entre as demandas máis urxentes, o BNG tamén solicita a habilitación do centro de saúde da Casa do Mar de Mera para ampliar o servizo médico e reducir a carga do PAC de Santa Cruz, así como a cobertura adecuada das baixas do persoal sanitario.
Taibo preguntará ao goberno galego cales son as súas previsións para adaptar os servizos sanitarios á realidade poboacional de Oleiros, instando a unha planificación urxente para evitar situacións que comprometan a saúde da cidadanía.