O BNG esixe no Parlamento a recuperación do horario completo no centro de saúde de Irixoa

ACoruñaXa
A deputada Mercedes Queixas denuncia a "desatención sanitaria" e critica a falta de resposta do goberno galego ante a situación
Mercedes Queixas do BNG
10 Jan 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volveu reclamar no Parlamento de Galicia a restitución do servizo médico en horario completo no centro de saúde de Irixoa. A deputada Mercedes Queixas advertiu que, "lonxe de resolverse, o problema avanza na desatención". Na actualidade, non é posíbel acceder a unha cita de medicina familiar antes dunha semana e o servizo médico só está dispoñíbel en horario de 8:00 a 10:00 da mañá.

Queixas sinalou que, nos últimos meses, as pacientes "comproban o total abandono por parte da Xunta", con horarios reducidos e consultas que só se atenden en días indeterminados. Esta situación, segundo a deputada, forza aos veciños de Irixoa a desprazarse a Betanzos para recibir atención sanitaria, o que engade "un problema de saúde e de mobilidade, especialmente para aquelas persoas que non dispoñen dun medio de transporte privado".

O BNG tamén denunciou a falta de resposta do Partido Popular no Parlamento. Segundo Queixas, "a veciñanza de Irixoa non atopa resposta ante o abandono da Xunta", e criticou que as preguntas rexistradas o pasado 11 de novembro de 2024 sobre esta situación seguen sen resposta.

Finalmente, a deputada reiterou que "a preocupación dos veciños vai en aumento" pola perda continuada do acceso á sanidade pública de proximidade, á que teñen dereito, e instou ao goberno galego a actuar con urxencia.

 

0.16250610351562