O BNG esixe apoio económico para as mariscadoras até que a Ría do Burgo recupere a súa capacidade produtiva completa

ACoruñaXa
A deputada Iria Taibo critica a falta de axudas e demanda á Xunta que coordine co Ministerio de Transición Ecolóxica para protexer o sector marisqueiro
Imaxe da ría do Burgo
3 sep 2024

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Iria Taibo, denunciou na Comisión de Pesca e Marisqueo a falta de apoio do goberno galego ao sector marisqueiro, especialmente tras as obras de dragaxe na Ría do Burgo. Segundo Taibo, a Xunta do PP non só abandonou ás mariscadoras e mariscadores senón que tamén deixou sen axudas ao sector desde a finalización das obras, que remataron o 26 de abril.

A deputada nacionalista pediu á administración galega que asuma a responsabilidade de coordinar co Ministerio de Transición Ecolóxica para garantir apoio económico aos traballadores afectados até que a Ría do Burgo recupere a súa capacidade produtiva plena. Taibo suxire que, se fose necesario, se elaboren informes xurídicos e técnicos para asegurar este apoio.

Taibo destacou que, a día de hoxe, os mariscadores non só non reciben axudas desde o remate das obras, senón que tamén están pendentes das axudas prometidas desde xaneiro, que non se tramitaron a tempo debido á prolongación das obras.

“A Xunta de Galicia é a responsable da área de marisqueo e, polo tanto, debe proporcionar axuda ao sector”, subliñou Taibo. A deputada exixiu ao goberno galego que asuma o custo das axudas ou, cando menos, que elabore un informe instando ao Goberno do Estado a cubrir estas necesidades. Taibo demandou un compromiso claro para apoiar as 76 familias, 42 traballadores e traballadoras de a pé e 32 de a flote, que dependen da Ría do Burgo e que actualmente se atopan en situación crítica sen solucións adecuadas por parte das administracións implicadas.

“A administración galega debe velar polos recursos marisqueiros e polos intereses das persoas traballadoras das rías”, concluíu a deputada.

0.18439698219299