O BNG esixe á Xunta medidas para paliar as altas temperaturas rexistradas nos hospitais da Coruña, Ferrol, Ourense e Santiago

GaliciaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A formación nacionalista pide garantir unha climatización adecuada este verán e reclama un plan de adaptación das infraestruturas sanitarias ao cambio climático antes de que remate o ano
Termómetro con la temperatura de un centro de AP de Ourense
12 Jul 2026

O BNG rexistrou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar á Xunta actuacións inmediatas que permitan mellorar a climatización dos hospitais públicos galegos tras denunciar as elevadas temperaturas que, segundo asegura, se están a rexistrar en distintos centros sanitarios durante as últimas ondas de calor.

A portavoz de Sanidade Hospitalaria da formación nacionalista, Iria Carreira, advertiu de que esta situación afecta tanto ás persoas ingresadas como aos seus acompañantes e ao persoal dos hospitais. Segundo explicou, nalgúns cuartos chegouse a superar a barreira dos 30 graos, unha circunstancia que dificulta o descanso nocturno e a recuperación dos pacientes.

“O calor é abafante, hai cuartos de hospital nos que se chega a superar os 30 º de temperatura, con noites nas que non refresca o suficiente para permitir un bo descanso, o que dificulta a recuperación da xente que está ingresada e as condicións de traballo do persoal”, sinalou a deputada.

Carreira sostén que os problemas derivados das altas temperaturas estanse a producir en todas as áreas sanitarias e na maior parte dos hospitais do Sergas, especialmente nos edificios máis antigos. Como exemplo, citou as queixas trasladadas por pacientes, familiares e profesionais do Chuac da Coruña, do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, do Hospital Provincial de Santiago e do Hospital de Ourense.

A representante do BNG tamén incidiu en que a situación resulta máis complicada nas habitacións ocupadas por tres pacientes, como ocorre no complexo hospitalario da Coruña, onde, segundo indicou, hai seis plantas nesta situación. Engadiu ademais que, aínda que nalgunhas dependencias existen ventiladores, estes non sempre son suficientes.

Para a deputada nacionalista, as instalacións hospitalarias galegas non están preparadas para facer fronte ás novas condicións climáticas, marcadas por episodios de calor máis frecuentes, intensos e temperáns.

Por este motivo, o BNG reclama á Xunta que adopte medidas inmediatas para garantir unhas condicións adecuadas de climatización durante este verán en todos os hospitais públicos. Ademais, considera necesario planificar actuacións estruturais que permitan adaptar as infraestruturas sanitarias aos efectos do cambio climático.

A iniciativa presentada no Parlamento tamén solicita que a Consellería de Sanidade elabore e presente antes de finalizar o ano un plan específico para a adecuación e climatización das áreas de hospitalización. Xunto a iso, a formación nacionalista pide unha planificación da ocupación hospitalaria que evite que as persoas ingresadas teñan que compartir habitación con máis dun paciente.

0.14124894142151