O BNG esixe á Xunta a restauración dos servizos de autobús entre Sada, Oleiros e A Coruña

ACoruñaXa
A deputada Iria Taibo anuncia novas propostas no Parlamento para mellorar as frecuencias e horarios tras os recortes recentes
Imaxe dos autobuses da Xunta
1 Ago 2024

A deputada do BNG Iria Taibo criticou duramente a recente reorganización das liñas de autobús entre Sada, Oleiros e A Coruña, realizada pola Xunta o pasado 22 de xuño. Taibo cualifica de “insuficientes” as modificacións feitas tras a reorganización e denuncia que a Consellería de Presidencia, actualmente encargada de Transportes, está a presentar como melloras o que en realidade son recortes nos horarios e frecuencias.

“A situación non só non mellorou dende o 22 de xuño, senón que empeorou”, afirmou Taibo, que subliñou que as novas modificacións están a provocar máis atrasos e complicacións na mobilidade da comarca. A deputada nacionalista criticou a división de liñas mediante transbordos en Valexa, que implican demoras de ata media hora e dificultan especialmente aos usuarios con problemas de mobilidade.

Taibo anunciou que presentará novas iniciativas no Parlamento para recoller as queixas das persoas usuarias e esixir melloras no servizo. Estas propostas incluirán a demanda de restablecer as liñas e frecuencias previas aos recortes e corrixir as deficiencias nos horarios e traxectos do transporte metropolitano.

O BNG xa rexistrou en xuño unha serie de iniciativas para que a Xunta anule as reducións e traballe en colaboración cos concellos afectados para mellorar o servizo. Agora, a deputada Iria Taibo, xunto co portavoz de Transporte do BNG, Paulo Ríos, está a considerar a creación dunha plataforma de afectados para reforzar as demandas no Parlamento.

“O obxectivo debería ser fomentar o uso do transporte público e reducir a dependencia dos vehículos privados, pero estas mudanzas están a ter o efecto contrario”, sinalou Taibo. A deputada destacou as “deficiencias” no transporte metropolitano e o impacto negativo que están a ter na cidadanía, especialmente en horas punta e na adaptación aos horarios dos usuarios.

0.094299077987671