O BNG eleva a presión sobre a subestación de Abegondo e reclama unha avaliación ambiental conxunta

O BNG volveu cargar este mércores, 1 de abril, contra o proxecto da subestación eléctrica de Abegondo e esixiu ao Goberno do Estado que rectifique e promova unha avaliación ambiental integral de todo o complexo. Segundo a nota remitida pola formación, o deputado Néstor Rego denuncia que a tramitación por pezas da subestación, as liñas de evacuación e os parques vinculados reduce as garantías ambientais e dificulta medir con rigor o efecto real da infraestrutura sobre o territorio.
A ofensiva política chega despois de que a subestación de 400 kV quedase autorizada por resolución do 5 de novembro de 2025 publicada no BOE, mentres que o parque de 220 kV foi autorizado por resolución do 23 de decembro de 2025 e a súa tramitación foi difundida no DOG en febreiro de 2026. A primeira actuación aparece xustificada na planificación estatal 2021-2026 para alimentar a subestación de tracción do eixo ferroviario Vigo, Ourense, Lugo e A Coruña, mentres que o parque de 220 kV se vincula á integración de nova xeración renovable na rede de transporte.
O discurso do BNG encaixa, ademais, cos argumentos que o Concello de Abegondo vén sostendo nos últimos meses. O goberno local presentou en marzo un novo recurso de alzada contra a autorización do parque de 220 kV ao entender que o proxecto debe someterse a unha avaliación ambiental conxunta cos parques eólicos e as infraestruturas asociadas, despois de anunciar xa en febreiro que tamén recorrería outra das pezas do complexo eléctrico previsto en Folgoso.
Na documentación oficial do parque de 220 kV constan alegacións do propio Concello, de 58 veciños, do BNG e de colectivos como Aire Limpo Mariñas Mandeo, Ecologistas en Acción ou Petón do Lobo. Entre as críticas recollidas no expediente figuran a suposta fragmentación do proxecto, a falta de avaliación de impacto ambiental conxunta e as posibles afeccións sobre fauna, flora, paisaxe, saúde, patrimonio e solo protexido. Ademais, a Xunta recolle que a infraestrutura se sitúa dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, aínda que na súa zona terrestre de transición.
Con este novo pronunciamiento, o Bloque tenta devolver o foco político a unha infraestrutura que segue xerando contestación institucional e veciñal en Abegondo. A controversia leva meses ocupando a axenda local, con alegacións, recursos e advertencias sobre os efectos acumulativos da concentración de instalacións de alta tensión na zona.