O BNG denuncia o veto do PP ás súas emendas para mellorar infraestruturas e servizos nas Mariñas Coruñesas

ACoruñaXa
A formación nacionalista reclama fondos para o saneamento, centros educativos, servizos sociais e patrimonio da comarca
BNG orzamentos en Betanzos
20 Dec 2024

O BNG presentou onte en Betanzos as súas emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2025 destinadas á comarca das Mariñas. Na presentación, que contou coa presenza da deputada Mercedes Queixas, participaron Alberte G. Nicolás, responsábel comarcal e portavoz en Miño, xunto a representantes locais como Amelia Sánchez, Salvador González e María Bonome.

“O PP segue a gobernar para as grandes empresas mentres a calidade de vida das galegas e galegos empeora”, afirmou Mercedes Queixas. “Votáronse en contra emendas clave como a partida para rematar o saneamento da Ría de Betanzos, unha depuradora en Paderne ou a construción dun centro de día e xeriátrico público nas Mariñas, unha necesidade histórica da comarca”, denunciou a deputada.

O BNG tamén lamentou o veto ás súas propostas de mellora nos centros educativos da comarca. Entre elas, destacaron a reforma integral do CEIP Vales Villamarín e o IES Francisco Aguiar, a creación dun centro de educación infantil independente no aulario ou as obras pendentes no CPI Castro Baxoi, comprometidas pero non executadas polo goberno.A formación nacionalista criticou a falta de partidas para reforzar os servizos sociais nas Mariñas. “A comarca segue sen prazas públicas de xeriátrico nin un centro de día público, a pesar de ser unha demanda urxente da poboación”, denunciou Alberte G. Nicolás.

Outro foco das emendas do BNG foi a conservación do patrimonio. Pediron fondos para continuar coa rehabilitación do Pasatempo, protexer a Necrópole do Monte do Gato ameazada polos parques eólicos e restaurar elementos históricos como a Fábrica da Luz en Betanzos. “O PP mostra un total abandono do noso patrimonio cultural e natural”, concluíron desde o partido.

⚙ Configurar cookies
0.18470406532288