O BNG denuncia o mal funcionamento do transporte inter-urbano entre Sada, Oleiros e A Coruña
Iria Taibo e Paulo Ríos (deputada e deputado do BNG no Parlamento galego), acompañados do portavoz do BNG en Sada, Emilio Graña, compareceron ante os medios para denunciar o mal funcionamento do transporte inter-urbano entre Sada, Oleiros e A Coruña.
Fixérono cando un grupo de usuarias deste transporte, competencia da Xunta de Galiza, que desde hai semanas recollen sinaturas contra o recorte no número de servizos directos que comunican Sada, pasando por Oleiros, coa Coruña.
“O pasado 28 de maio”, explica unha persoa afectada, “a Xunta vendeunos a mellora dos servizos a través dun comunicado. Mais foi todo o contrario. Pasamos de ter 44 servizos directos á semana a 14. Os restantes 30 convértense nun chamado servizo lanzadeira que nolo presentaron como unha vantaxe, pero que obriga a facer transbordo e que as usuarias nos baixemos na Valexa, no linde entre Sada e Oleiros. Alí, nun descampado sen infraestrutura, temos que agardar por un novo bus entre media hora, no mellor dos caos, e unha hora”.
“Os buses van petados e a xente está moi descontenta. Non entendemos estas mudanzas porque até agora o servizo funcionaba”, engade.
“O servizo foi minguado”, denuncia Iria Taibo, “e non mellorado como falsamente afirmou o conselleiro de Mobilidade. No canto de recortar frecuencias, a Xunta tería que as ampliar e facilitar así a mobilidade sustentábel a través do transporte público como alternativa ao uso do automóbil particular”.
Na reunión que a deputada e o deputado mantiveron con estas usuarias, “tivemos a oportunidade de coñecer as súas reivindicacións, que naturalmente trasladaremos ao Parlamento galego, e de sabermos os pasos que van a dar nos próximos días probabelmente a constitución dunha plataforma”, refire Taibo.
Boa proba da existencia dunha demanda social da mellora deste servizo público -prestado en réxime de concesión- é que as veciñas en moi pouco tempo “recolleron máis de mil sinaturas”.