O BNG denuncia o atraso no inicio das actividades municipais en Culleredo

ACoruñaXa
Sinalan que o inicio das actividades culturais e deportivas, previsto para o 21 de outubro, queda en suspenso debido á falta de xestión do goberno municipal, que provoca desorganización e frustración entre a veciñanza
Bancada do BNG de Culleredo
15 Out 2024

O BNG de Culleredo sinala que as actividades culturais e deportivas municipais non poderán comezar na data prevista do vindeiro luns 21 de outubro, debido ao retraso na contratación da empresa que se encargará da xestión destes servizos. Este atraso impide que o goberno municipal formalice o contrato até dentro de varias semanas, afectando a planificación das actividades para a veciñanza.

A licitación para a xestión do servizo foi publicada no perfil do contratante o pasado 27 de setembro, e o prazo para a presentación de ofertas finalizou o 14 de outubro. Con base nos prazos legais establecidos pola Lei de Contratos do Sector Público, non será posible formalizar o contrato coa empresa seleccionada antes de novembro, deixando a comunidade sen as actividades programadas.

O BNG critica a incapacidade do goberno municipal, liderado por José Ramón Rioboo, para xestionar servizos públicos básicos. A formación lembra que as actividades culturais e deportivas son de periodicidade anual e que, debido á súa natureza previsible, a súa contratación debería ser sinxela. A falta de cumprimento dos prazos por parte do goberno municipal non é un caso illado, senón que se repite ano tras ano, causando desorganización e frustración entre a veciñanza.

Ademais, o BNG destaca que, en anos anteriores, a xestión deste servizo tamén estivo marcada por problemas similares, como o inicio tardío das actividades, que en ocasións comezaron en xaneiro, e a falta de regularidade no cobro das taxas, que se acumulan sen que os veciños poidan prever e planificar os seus pagos.

0.1963849067688