O BNG denuncia o aprazamento do carril bus en Juan Flórez

ACoruñaXa
Veira alerta da perda de 540.000 euros de fondos Next Generation e acusa ao Goberno Local de desleixo co transporte público
Imaxe da Concelleira Avia Veira na rolda de prensa
17 Dec 2024

O BNG criticou duramente ao Goberno Local da Coruña polo aprazamento "sine die" do carril bus en Juan Flórez e a súa "renuncia" a loitar polo carril VAO nas reformas da Ponte Pasaxe e da Avenida da Vedra, proxectos impulsados polo Estado.

A concelleira nacionalista Avia Veira denunciou que esta situación supón un "mal uso dos recursos públicos" ao quedar en suspenso os 540.353 euros procedentes dos fondos europeos Next Generation destinados ao carril bus en Juan Flórez. "Tememos que ese medio millón de euros se perda, e non nos podemos permitir ese luxo", advertiu Veira, subliñando que o investimento estaba contemplado nos orzamentos municipais.

Veira tamén cuestionou a xestión da mobilidade na cidade, acusando ao Goberno Local de desatender o transporte público. "Non se licitou o novo contrato, a concesión foi prorrogada dous anos máis sen avances, e a frota segue obsoleta, con buses ateigados e frecuencias insuficientes", criticou. A edil lamentou que se fagan "novas análises" cando "os informes xa existen e foron pagados con diñeiro público".

Sobre os carrís VAO, Veira instou ao Goberno Local a "pelexar" politicamente para incluílos nas reformas estatais. "A falta de compromiso con estes proxectos demostra unha visión antiga e centrada no coche particular, cando o reto é avanzar cara a unha mobilidade sustentable e combater as alteracións climáticas", concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.1142110824585