O BNG denuncia “neglixencia” do Goberno Local pola falta de licitación do novo contrato do transporte urbano

ACoruñaXa
Avia Veira critica a falta de planificación do executivo de Inés Rey e alerta das consecuencias para as persoas usuarias e traballadoras do servizo
Imaxe da concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira
10 Dec 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) cualificou de “neglixencia” e de “falta de planificación incomprensíbel” o feito de que o Goberno Local da Coruña non teña licitado aínda o novo contrato do transporte público urbano, cando a concesión actual remata a finais deste mes de decembro. Así o afirmou a concelleira nacionalista Avia Veira, quen levará este asunto ao Pleno municipal deste mércores en forma de pregunta oral.

Veira quere que o executivo liderado por Inés Rey explique os motivos polos que, a escasos días de que expire o contrato vixente, non se acordou a continuidade do servizo nin se puxo en marcha o proceso de licitación do novo contrato. “É unha mostra de ineptitude e unha falta de responsabilidade absoluta”, criticou a edil, quen adiantou que no Pleno exporá as consecuencias desta situación para as persoas usuarias e para o persoal condutor dos autobuses.

Segundo a concelleira, “a frota precisa unha renovación urxente, as liñas están colapsadas e os buses pasan ateigados diante das paraxes”. Para o BNG, calquera mellora do servizo pasa inevitabelmente pola licitación dun novo contrato que permita atender as necesidades da cidadanía.

“O Goberno Local sabía desde hai tempo que esta concesión remataba en decembro e non fixo os deberes. Agora vemos as consecuencias desta falta de planificación e será a veciñanza a que padeza os efectos deste desleixo”, concluíu Veira.

⚙ Configurar cookies
0.1938841342926