O BNG denuncia a perigosidade dos accesos á residencia de maiores de Oleiros

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) alertou sobre a perigosidade dos accesos á residencia asistida de maiores de Oleiros, un centro público dependente da Xunta de Galicia que alberga 284 persoas, moitas delas con altos niveis de dependencia. A formación nacionalista presentou iniciativas no Parlamento Galego e anunciou que levará o tema ao próximo Pleno municipal para esixir medidas inmediatas que corrixan esta situación.
O acceso á residencia faise por unha única vía que presenta graves deficiencias. O seu trazado, con curvas de ata 90 graos, e o reducido ancho da calzada fan que a circulación resulte perigosa, especialmente ante unha posíbel emerxencia. A situación complícase debido a que os vehículos de entrada e saída comparten a mesma vía, o que imposibilita o paso de dous vehículos en paralelo. Isto podería dificultar enormemente tanto a evacuación dos residentes como a intervención de vehículos de emerxencia, unha preocupación especialmente relevante durante a noite, cando o persoal dispoñíbel é máis limitado.
A deputada do BNG por Oleiros, Iria Taibo, rexistrou no Parlamento varias preguntas e propostas sobre este tema, entre as que destaca a realización dun simulacro para avaliar as condicións actuais e identificar as necesidades de mellora. "Falamos dun centro que é o segundo maior de Galicia en número de prazas públicas xestionadas directamente pola Xunta, polo que a Consellaría de Política Social e Igualdade debe asumir a súa responsabilidade e garantir a seguridade", afirmou Taibo.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Iván Roca, subliñou que este asunto será tratado no Pleno de Oleiros para esixir a implicación do goberno autonómico e buscar solucións coordinadas.
O BNG considera que non se pode poñer en risco a seguridade das 280 persoas residentes e do persoal do centro e insiste en que é urxente implementar melloras que permitan uns accesos máis seguros e funcionais.