O BNG denuncia a falta de prazas públicas nas escolas infantís da comarca da Coruña

ACoruñaXa
A formación critica a devolución de 22 millóns de euros destinados a crear prazas e reclama reforzar o sistema público
xogos-parque-infantil-abadin
14 Jan 2025

O BNG puxo sobre a mesa unha das problemáticas que afecta á comarca da Coruña: a escaseza de prazas públicas nas escolas infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Segundo as listaxes provisionais do baremo extraordinario de decembro, 388 menores atópanse en listaxe de agarda para accederen a estas prazas públicas, o que, segundo a formación nacionalista, evidencia unha alta demanda que a Xunta de Galiza non está a cubrir.

A formación critica con dureza a decisión do goberno galego de devolver ao Estado 22 millóns de euros de fondos europeos destinados á creación de prazas públicas en escolas infantís, tal e como anunciaron en novembro. Estes fondos, correspondentes ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, permitirían crear até 3.417 novas prazas públicas en todo o territorio galego, contribuíndo a aliviar a situación actual de listas de espera.

Desde a Xunta, manifestaron o seu desacordo coa distribución destes fondos, argumentando que non podían empregarse para outros fins, como melloras en escolas xa existentes ou subvencións para centros privados. Este modelo de gratuidade para escolas privadas, vixente en Galiza desde o curso 2022-23, recibe fortes críticas do BNG, que denuncia que os centros privados son subvencionados con diñeiro público de maneira desproporcionada en comparación coas escolas municipais. Mentres que estas reciben 90 euros por crianza ao mes, os centros privados reciben 310 euros por alumno ou alumna.

Actualmente, das máis de 30.000 prazas dispoñibles en Galiza, unha terceira parte pertencen á rede privada (13.552), outra á pública autonómica (10.142), e un 20% dependen dos concellos. Para o BNG, estas cifras evidencian unha aposta insuficiente polo sistema público, que consideran fundamental para garantir a igualdade de acceso a este servizo esencial para as familias.

Na comarca da Coruña, a escaseza de prazas públicas é especialmente acusada, con localidades como Oleiros (107 en lista de agarda) ou a cidade da Coruña (161) liderando as cifras. En concellos máis pequenos como Carral ou Sada tamén hai listas de agarda, con 10 e 3 nenos respectivamente sen praza. Desde o BNG insisten en que esta demanda reflicte a necesidade de priorizar a creación de novas prazas públicas en vez de fortalecer o sistema privado.

Ante esta situación, o Bloque rexistrou no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas para esixir solucións inmediatas. Ademais, anuncian que estudarán accións locais para visibilizar esta problemática e impulsar demandas históricas en relación coas escolas infantís públicas. Desde a formación subliñan que garantir un acceso igualitario e público á educación infantil non é só unha cuestión de xestión, senón de xustiza social.

0.16363906860352