O BNG denuncia a falta de pediatras en Monte Alto e Durmideiras en pleno brote do virus sincitial
A mesma Administración galega que deixou sen prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos a 161 crianzas ten agora sen pediatras os centros de saúde de Monte Alto e Durmideiras, en pleno brote do virus respiratorio sincitial, coa conseguinte carga asistencial. Así o denuncia a deputada do BNG Mercedes Queixas, quen vén de rexistrar unha proposición non de lei e dúuas preguntas orais (para a Comisión de Sanidade e o Pleno do Parlamento galego) en que aborda o asunto.
Queixas insta o Goberno galego a que “garanta de forma continuada a atención pediátrica no centro de saúde de Monte Alto e no centro de saúde de Durmideiras”.
A solución que ofrece o SERGAS -que debería enviar persoal substituto a centros que pertencen a dous dos barrios máis populosos da cidade, a sumaren máis de 30 mil habitantes- é desviar as consultas ordinarias e as urxencias ao centro de saúde Abente y Lago e ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, respectivamente, xa abondo sobrecargados nesta época do ano, sen que tampouco estean a ver reforzados os seus cadros de persoal.
Un dato ilustra ata que punto estes centros están a sufrir o abandono por parte da Xunta: no centro de saúde de Durmideiras, as familias terán de agardar ata o 27 de xaneiro para as súa crianzas poderen ser atendidas alí polo pediatra titular.
“O PP ten que rectificar inmediatamente e repoñer os profesionais que se precisan nos centros de saúde de Monte Alto e Durmideiras. As familias non teñen por que pagar a ineficacia e o desleixo do Goberno galego”, conclúe Queixas.