O BNG denuncia a dimisión do xerente do Consorcio para a Promoción da Música como un reflexo da crise do Goberno local
O BNG cualifica a dimisión de Andrés Lacasa, xerente do Consorcio para a Promoción da Música, como "o enésimo capítulo dunha crise de xestión" que afecta a institucións culturais fundamentais como a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e a Escola Municipal de Música. Mercedes Queixas, concelleira nacionalista, sinala que esta situación é resultado do abandono do Consorcio por parte do Goberno local.
Queixas destacou que tanto o persoal da OSG como os traballadores da Escola Municipal veñen denunciando problemas laborais e a falta de mantemento dos edificios. “A deterioración das instalacións, como o Pazo da Ópera ou os espazos da Escola, dificulta o traballo do profesorado e o aprendizaxe do alumnado”, indicou. Ademais, advertiu das demandas de melloras nas condicións laborais e na infraestrutura que levan tempo sen resolverse.
O BNG tamén subliña as queixas dos abonados da OSG, quen lamentan tanto as deficiencias no mantemento do Pazo da Ópera, que chegou a presentar pingueiras que inhabilitaron parte das localidades, como a redución drástica do proxecto pedagóxico e formativo da Orquestra. Segundo o director da OSG, os recursos económicos insuficientes ameazan incluso a programación de concertos.
A concelleira nacionalista reiterou a demanda ao Goberno local para que se esixa á Xunta de Galicia o pago dos 5,8 millóns de euros que debe ao Consorcio, cifra que, segundo o BNG, agrava os problemas económicos da entidade. Ademais, instou a cubrir o posto de xerente de forma urxente, aberta e transparente para evitar que se repita o baleiro de dirección vivido noutras áreas culturais municipais.
Para o BNG, a solución pasa por un compromiso decidido das administracións coas institucións culturais. “Non podemos permitir que a cultura siga sendo vítima da deixadez política e da mala xestión”, concluíu Mercedes Queixas.