O BNG demanda ao Goberno local unha previsión para evitar a acumulación de lixo no San Xoán

ACoruñaXa
Alén do rogo oral, Jorquera rexistrou tamén un feixe de preguntas por escrito que van no mesmo sentido
Imaxe do San Xoán na Coruña
7 Jun 2026

O viceportavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, vén de rexistrar un rogo oral para a súa lectura no vindeiro Pleno do 11 de xuño por medio do cal insta o Goberno Local a que adopte medidas para evitar a “esaxerada xeración e acumulación de lixo” na noite de San Xoán.

É unha festa popular de enorme arraigamento na Coruña, mais -afirma Jorquera na exposición de motivos deste rogo oral- a cidade non é só noticia “polos milleiros de persoas que ateigan as nosas praias arredor dos lumieiras”, senón tamén pola enorme cantidade de lixo que se xera. “En 2025, os servizos de limpeza e recollida retiraron, só nas praias, arredor de 44 toneladas de lixo”, relata.

A situación levou a que a propia alcaldesa falase dunha “imaxe absolutamente lamentábel”, alén de suxerir a adopción de medidas, entre elas a de parcelar as praias -con responsábeis de cada parcela-, impor multas ou “impedir que a xente se vaia se hai porcallada”.

É por isto que o BNG empraza o Goberno Local a que adopte efectivamente esas medidas -algunhas das cales si que se despregan noutros concellos galegos ou do resto do Estado-, tales como “campañas de sensibilización e educación ambiental, un reforzo aínda maior na colocación de contedores e servizos de limpeza e recollida; imposición de multas; a creación nos areais de espazos sostíbeis (libres de alcol e refugallos) ou a obriga de usar vasos e cinceiros reutilizábeis”.

Alén do rogo oral, Jorquera rexistrou tamén un feixe de preguntas por escrito que van no mesmo sentido.

En definitiva, gozar do San Xoán, por suposto, mais ao tempo cómpre tomar medidas para moreas de lixo non emporcallaren as nosas praias.

0.11788105964661