O BNG defende a "conexión real" ferroviaria da vila de Ordes

ACoruñaXa
Os nacionalistas defenden que “construír un apeadeiro próximo ao casco urbano da vila, crearía unha alternativa real ao coche a través do tren"
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
21 Xuño 2024

O goberno central, mediante a resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, ven de confirmar que se está a traballar na preparación da licitación dun estudo de viabilidade da mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela, mediante a construción dunha vía férrea entre Curtis e Ordes.

Desde o BNG de Ordes, consideran que a execución desta nova infraestrutura ferroviaria “abriría a oportunidade de conectar Ordes realmente co tren”, mediante a construción “dun apeadeiro próximo ao casco urbano da vila”.

Aínda que Ordes conta coa actualmente coa estación de Fosado, os nacionalistas lembran que as instalacións atópanse nun “nada desexable estado de abandono e con poucos viaxeiros”. Neste sentido, o portavoz do BNG de Ordes, Pablo Vidal, considera que esta situación “deriva de contar cunha estación afastada da vila e sen un servizo público de transporte que ofreza unha conexión directa e regular coa mesma”.

Deste xeito, Vidal defende que “construír un apeadeiro próximo ao casco urbano da vila, crearía unha alternativa real ao coche a través do tren, tanto para estudantes como para veciñanza que ten o seu posto de traballo fóra do noso concello, ou precisa desprazarse ás cidades para realizar determinadas xestións”.

O bloque ven de presentar unha moción procurando o apoio da corporación municipal, para demandar ao “Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible”, a que nos estudos de viabilidade que se efectúen sobre a construción da vía férrea entre Curtis e Ordes, inclúan a construción dun apeadeiro próximo ao casco urbano da vila de Ordes.

0.18824315071106