O BNG de Vilasantar denuncia unha débeda de máis de 1.140 euros por veciño debido á xestión do PP
O BNG de Vilasantar denunciou este luns a grave situación económica do Concello, atribuíndo a responsabilidade directa ao Partido Popular, que actualmente ostenta o goberno local. Segundo a conta xeral do ano 2023, aprobada recentemente en pleno grazas aos votos do PP, a débeda do municipio ascende a 1.413.339,6 euros, o que supón que cada veciño de Vilasantar debe 1.139,79 euros.
A formación nacionalista revelou ademais que máis do 70% dos contratos municipais, por un importe total de 1,2 millóns de euros, foron adxudicados de maneira directa, sen concurso público. O BNG tamén alertou de que a débeda coa Xunta, coa Deputación e con Abanca xa supera os 500.000 euros.
Durante o ano 2024, o Concello viuse obrigado a realizar un recoñecemento extraxudicial de crédito de máis de 300.000 euros para facer fronte ás facturas pendentes de 2023. Este movemento incrementa a débeda por habitante en case 300 euros máis, situándose por riba dos 1.400 euros por veciño. Segundo o BNG, trátase dunha "enxeñería contable" que non soluciona a crise económica, senón que a agrava ano tras ano.
Outro dos aspectos criticados pola formación nacionalista é o aumento dos prazos de pago aos provedores. Mentres que en 2023 o prazo medio era de 66 días, en setembro de 2024 o Concello tardaba 277 días en pagar as facturas, converténdose no segundo municipio de Galicia que máis demora en cumprir coas súas obrigas.
A precaria situación económica tamén tivo repercusións sociais. Este ano non se celebrou a festa dos maiores nin se concederon subvencións a entidades como a Asociación de pais e nais do colexio, o equipo de fútbol ou as asociacións veciñais.
O BNG leva tempo reclamando un plan de axuste que permita reducir os gastos e reverter a situación económica, pero asegura que o Partido Popular "segue facendo oídos xordos". "A xestión do PP está afundindo ao Concello nunha situación insostible que nos leva cara a bancarrota", afirmou a portavoz do BNG local.