O BNG de Paderne apoiará o orzamento tras engadir o custo do estudo sobre as necesidades de saneamento de auga

ACoruñaXa
Manel Pérez: “Conseguimos modificar asuntos fundamentais para o BNG como engadir 15 mil euros para un estudo da situación do saneamento e outros 15 mil para o estudo da situación do servizo de subministro de auga municipal, para avanzar no cumprimento do acordo que acadamos co PSOE no pleno de organización”
Imaxe do voceiro do BNG en Paderne, Manel Pérez
5 Xuño 2024

O BNG de Paderne anunciou que apoiará no pleno que se celebrará mañá en Paderne a nova proposta de orzamentos do goberno local do PSOE. “Conseguimos modificar asuntos fundamentais para o BNG como engadir 15 mil euros para un estudo da situación do saneamento e outros 15 mil para o estudo da situación do servizo de subministro de auga municipal, para avanzar no cumprimento do acordo que acadamos co PSOE no pleno de organización”, explicou o portavoz do BNG, Manel Pérez. “Estes estudos permitirán establecer unha cronoloxía das melloras necesarias nestes servizos, que para o BNG son unha prioridade nun concello coma o noso, para poder esixir á Xunta unha depuradora e avanzar no control dos verquidos”, engadiu.

Desde o BNG explicaron que para avanzar na transparencia tamén conseguiron que se reservase unha partida de 15 mil euros para unha nova web municipal, actualmente non se está actualizando e segundo manifestou o goberno é necesario encargar o deseño dunha nova. “Para nos avanzar na transparencia e participación da veciñanza e superar as prácticas clientelistas que se viñan repetindo no noso concello”, indicou o portavoz do BNG.

Cambios nas subvencións

Desde o BNG anunciaron tamén que conseguiron reducir en 2500 euros a cantidade que se reservará a subvencións nominativas e que esta cantidade pase a adxudicarse por concorrencia. “Outra das propostas do BNG foi modificar as bases xerais de subvencións para que as entidades ambientais ou as que traballan en eidos como a igualdade ou a normalización lingüística e que teñan actividade no noso concello poidan optar a elas”,  informou Manel Pérez.

“Estamos satisfeitos de ter chegado a un acordo en temas que no BNG consideramos prioritarios, máis non entendemos porque o goberno local do PSOE, non intentou ter en conta as nosas propostas antes de levar o orzamento a Pleno a primeira vez. Se tivese intención de falar e chegar a acordos podía ter xa a día de hoxe un orzamento aprobado”, concluíu.

 

0.17551803588867