O BNG de Oza-Cesuras rexeita o orzamento de 2024 pola súa tardanza e "falta de transparencia"
O BNG de Oza-Cesuras anunciou o seu voto en contra da aprobación definitiva do orzamento para o ano 2024, a escasos días de rematar o ano, tras rexeitarse as súas alegacións. “Estamos a tres días de finalizar o ano e o PP, que goberna con maioría absoluta, non foi quen de aprobar o orzamento ao longo dun ano. Isto é unha mostra máis da incompetencia e desidia do goberno municipal”, denunciou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello.
A concelleira nacionalista lembrou que a normativa obriga a que os orzamentos municipais estean aprobados antes do 31 de decembro do ano anterior. “En Oza-Cesuras levan un ano de atraso e, aínda así, o goberno municipal tivo que recorrer a convocatorias extraordinarias e o orzamento segue sen estar informado”, criticou. Ademais, Busto destacou a falta de participación na súa elaboración. “Defendemos que a veciñanza poida opinar e decidir en que se gastan os cartos públicos”, reivindicou.
Entre os aspectos máis criticados polo BNG figura o gasto en órganos de goberno local, que ascende a 104.534,50 euros, dos cales máis de 45.000 corresponden ao salario do alcalde. “Tamén se destinan 30.000 euros a atencións protocolarias, 5.000 a propaganda e 22.000 a dietas. Para un concello de pouco máis de 5.000 habitantes, estas cifras son escandalosas. Incluso o alcalde pode cobrar dietas por desprazarse de Oza a Cesuras”, censurou Busto.
En canto á transparencia, a voceira criticou que “a metade dos fondos para subvencións destínanse a subvencións nominativas, que o alcalde entrega ‘a dedo’, incumprindo a lei de subvencións”. Así mesmo, mencionou os 10.000 euros anuais que o alcalde reserva “para facer clientelismo”. “O lóxico sería elaborar unha convocatoria de subvencións participativa, con acordo entre os grupos e a veciñanza, porque se trata de cartos públicos que pertencen a todos os veciños”, concluíu.