O BNG de Oza Cesuras presenta alegacións aos orzamentos e reclama máis investimentos en seguridade viaria e xestión de residuos

O BNG de Oza Cesuras presentou alegacións ao orzamento municipal de 2026, aprobado inicialmente polo pleno, ao considerar que as contas carecen dun proxecto de futuro para o municipio e non responden ás principais necesidades da veciñanza.
A portavoz municipal da formación, Estefanía Busto, criticou que o goberno local elaborase os orzamentos 'de maneira unilateral', sen incorporar propostas da oposición nin abrir un proceso de diálogo coa cidadanía. Ademais, censurou que as contas se presentasen fóra dos prazos legais.
Entre as alegacións rexistradas, o BNG reclama un incremento dos investimentos en seguridade viaria para actuar nos puntos que considera máis perigosos do municipio e mellorar as condicións tanto para o tráfico rodado como para os peóns. Tamén propón cambios na xestión dos residuos, coa intención de avanzar cara a un modelo que considera máis eficiente, sostible e adaptado ás necesidades da veciñanza.
A formación nacionalista sostén que o orzamento mantén unha liña continuísta e que non incorpora novos proxectos que contribúan ao desenvolvemento de Oza Cesuras, á mellora dos servizos públicos ou á fixación de poboación.
Segundo sinalou Busto, o Concello contará este ano cun orzamento próximo aos 6,5 millóns de euros, dos que, segundo asegura, arredor da metade se destinarán a gasto corrente. A portavoz tamén criticou que existan fondos sen executar procedentes de exercicios anteriores, unha situación que atribúe á falta de planificación do executivo municipal.