O BNG de Ordes sinala que os presupostos municipais amosan "a deriva do Goberno local"

ACoruñaXa
Os nacionalistas presentaron no pleno de maio unha serie de mocións e fixeron unha valoración dos presupostos municipais
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
31 Maio 2024

Pablo Vidal, portavoz do BNG en Ordes, manifestou no pleno celebrado onte, xoves 30 de maio, que “o PP de Ordes leva manexando 105 millóns de euros en presupostos municipais desde o ano 2015, e o resultado é un concello totalmente estancado, mesmo cunha percepción na veciñanza de que Ordes está a morrer”.

Para o voceiro nacionalista, os presupostos municipais que propón o goberno municipal para o ano 2024, “demostran que o alcalde tira a toalla coa praza de abastos”, dado que segundo Vidal “non se recolle ningunha medida para intentar revitalizala, a pesares de contar na actualidade cun único posto en activo”. Vidal tamén lamenta que “o PP deixe abandonadas á súa sorte as feiras de Ordes e da Adina, sen aplicar ningún tipo de política para a súa promoción, mellora ou atracción de novos postos”, o que ao seu xuízo provoca que “se celebren por inercia, con cada vez menos feirantes que acudan a elas”.

Desde o BNG apuntan que “os orzamentos acreditan que as políticas de emprego do PP de Ordes unicamente se reducen a obradoiros de emprego”, obradoiros nos que na súa opinión “semella que o interese do alcalde radica en utilizar o obradoiro para dispor dunha brigada de rozas subvencionada, mais que en utilizalo como ferramenta real para combater o desemprego”, afeando que “en Ordes sempre sexan orientados á xardinería, mentres que noutros concellos están a organizarse obradoiros para montaxe e mantemento de instalacións fotovoltaicas, atención sociosanitaria a persoas dependentes, confección de páxinas web, servizos de cociña e restaurante...”. Neste sentido, desde o bloque acusan ao alcalde de dirixir “un goberno con cero políticas para a creación de emprego, e que considera que Ordes non merece contar cun viveiro de empresas”.

Doutra banda, desde a fronte nacionalista comparten a necesidade de que Ordes conte cunha nova escola infantil, mais non comparten “o xeito de acadala”. A este respecto, Vidal reprochou ao alcalde que “na vez de empregar un espazo baleiro e sen uso como o antigo centro comarcal, o goberno municipal aposta por demoler o parque Herminio Rial e a antiga escola unitaria da rúa de Galiza, lugares nos que se investiran recentemente fondos públicos para o seu acondicionamento”, algo que ao seu xuízo acredita “a improvisación deste goberno municipal”.

Con respecto ás actuacións para a mellora enerxética do polideportivo Castelao II previstas nos presupostos, Vidal considera que “o principal problema do pavillón Castelao II, non radica na eficiencia enerxética, se non que se atopa nas condensacións da pista que adoitan producirse en determinadas épocas do ano”, lembrando que estas situacións “chegan a provocar que se suspendan adestramentos, escolas deportivas e mesmo competicións oficiais”. Para o portavoz da fronte nacionalista, nestes orzamentos “o alcalde segue xogando ás comecartos, gastando fondos públicos en aplicar novamente parches que non resolven o problema”.

Servizos públicos e saneamento

No BNG lamentan “o grande atraso na dotación de servizos públicos de abastecemento e saneamento no noso concello, especialmente no rural”. Neste sentido, para o bloque resulta preocupante que “non se destinen mais recursos para este tipo de infraestruturas, que os fondos procedentes do canon pola prórroga na concesión da auga e saneamento, a pesares de dispor este ano con 430.000 euros a maiores procedentes do remate da bonificación do IBI á AP-9”.

A existencia de edificios e espazos baleiros foi outro dos aspectos que o portavoz do BNG, Pablo Vidal, empregou para exemplificar “a falta de ideas dun goberno municipal desgastado”, referíndose neste caso “á antiga casa consistorial que se atopa baleira, a parcela do antigo karting que se atopa sen uso mentres o ximnasio da piscina municipal está colapsado, ou a antiga estación de tren da Pontraga, que a día de hoxe segue pechada e sen aproveitar as potencialidades que ofrece a Vía Verde”.

Por último, Vidal criticou duramente “a nova suba de salarios que perpetra o goberno municipal, tal e como reflicten as contas que nos presentan”. Para o portavoz do bloque, “mentres o alcalde decide subirlle as cotas da piscina climatizada porque aquilo non dá, o goberno municipal sóbese novamente o salario no ano 2024, como se a brutal suba do ano 2023 fose insuficiente para satisfacer as súas necesidades”. Deste xeito, segundo expuxo o BNG, o alcalde pasa a cobrar 57.834 euros (suba de 1.134 euros), mentres que as outras tres concellerías delegadas con dedicación parcial de 20 h/semanais, pasan a cobrar 21.134,40 euros cada unha delas (suba de 414,40 euros).

O BNG xustificou o seu voto en contra, alegando “non compartir a xestión do PP á fronte do goberno municipal, as subas de salarios formuladas, e por non considerar que estes presupostos sexan os que Ordes precisa para saír da situación de parálise e estancamento na que se atopa sumido”.

0.18299508094788