O BNG de Ordes presenta propostas para mellorar infraestruturas este 2025
O BNG de Ordes rexistrou no Concello as súas propostas para o ano 2025, que inclúen actuacións financiadas a través dos presupostos municipais, o Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña e remanentes de tesourería.
Entre as prioridades destaca a ampliación da E.D.A.R. de Ordes, unha obra valorada en 600.000 euros segundo o PXOM recentemente aprobado. Segundo o portavoz do BNG, Pablo Vidal, esta actuación é imprescindible para desenvolver os solos urbanizables, incluíndo o S-12, destinado á ampliación do polígono industrial de Merelle.
Outra proposta clave é a mellora da contorna da alameda, coa creación dunha zona de parada de bus accesible e digna, ademais de actuacións para axardinar a área e mellorar a saúde das árbores. Tamén se propón trasladar a placa do soldado Lois para liberar prazas de estacionamento e instalar monólitos con tomas de electricidade.
O BNG tamén suxire descubrir o río ao seu paso polo campo da Feira, recuperar o respecto polo seu contorno e implementar melloras no parque “Félix Rodríguez de la Fuente”. Este último incluiría socalcos, aseos accesibles e unha área para o cambio de cueiros infantís.
Outras iniciativas céntranse no Mesón do Vento, onde propoñen adquirir o campo de fútbol subastado pola Axencia Tributaria e transformar a nave do mercado agrario comarcal nun centro para procesar produtos do sector primario. Vidal destaca que esta acción fomentaría a dinamización das feiras e a recuperación de terras agrarias abandonadas.
Finalmente, o BNG insiste na ampliación das redes de abastecemento e saneamento polas parroquias, sinalando o retraso acumulado na súa implantación. Entre as actuacións suxeridas están a ampliación da rede de abastecemento desde Ardemil cara Buscás e Vilamaior, e desde a N-550 cara Pereira e Bean.