O BNG de Ordes presenta alegacións contra a explotación de cuarzo de Erimsa no municipio

ACoruñaXa
No Concello de Ordes os terreos afectados polo proxecto pertencen ás parroquias de Vilamaior e Barbeiros
Imaxe recurso dunha mina de cuarzo
Imaxe recurso dunha mina de cuarzo
4 Xul 2024

A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, someteu a información pública o proxecto de explotación e o estudo de impacto ambiental da solicitude de concesión da explotación derivada do permiso de investigación Andrea número 7137, que pretende entre outros, a extracción de 386.584,94 toneladas de cuarzo metalúrxico.

Fronte a isto, o portavoz do BNG de Ordes, Pablo Vidal, expón que a aprobación do proxecto suporía “afectar directamente a 93 explotacións agropecuarias, ao producirse un deterioro irreversible da estrutura do solo”, dado que segundo considera, logo do proceso de extracción, os terreos “ven diminuída a súa permeabilidade e capacidade de infiltración da auga, aumentando por outra banda a súa densidade e compactación”.

Para Pablo Vidal, o resultado sería “unha diminución da produtividade agrícola da terra, afectando negativamente ao crecemento dos cultivos, incrementando os gastos en fertilizantes, ademais do gasto en gasóleo debido á dificultade de labra da terra pola compactación do solo”.

Desde o BNG destacan tamén “o impacto sobre o ciclo hidrolóxico dos solos afectados, incrementando a escorrega superficial e arrastre do solo por erosión, ademais de diminuír a capacidade de recarga dos acuíferos e incrementar o perigo de inundacións”.

Por outra banda, segundo manifestan os nacionalistas, tanto o proxecto coma o estudo de impacto ambiental “conteñen erros, ao basearse no planeamento anterior e non considerar o P.X.O.M. de Ordes vixente a día de hoxe”. A este respecto, Vidal apunta que “non se delimita correctamente a zona de Policía de Augas, a delimitación dos solos de núcleo rural, así como tampouco se respectan as contornas de protección dos bens catalogados ou a delimitación dun equipamento público local como é o campo de fútbol de Vilamaior”.

No caso do Concello de Ordes, os terreos afectados polo proxecto, pertencen ás parroquias de Vilamaior e Barbeiros.

0.081264019012451