O BNG de Ordes denuncia un aumento das irregularidades na xestión municipal e reclama actuacións

O BNG de Ordes aproveitou o último pleno municipal para cuestionar a xestión do Goberno local e presentar diversas iniciativas relacionadas coa situación económica do Concello, a rede de abastecemento, a depuración de augas e diferentes necesidades da veciñanza.
Durante o debate da Conta Xeral correspondente ao exercicio 2025, o portavoz nacionalista, Pablo Vidal, criticou o incremento de contratos de prestación de servizos que continúan vencidos. Segundo explicou, existen nove contratos nesta situación, o que considera contrario ao establecido na Lei de Contratos do Sector Público.
O Bloque votou en contra da Conta Xeral ao entender que o modelo de xestión municipal presenta cada vez máis irregularidades. Vidal destacou que a intervención municipal formulou reparos ao pagamento de 273 facturas durante 2025, cun importe total superior aos 2 millóns de euros, fronte ás 80 facturas e 464.113,42 euros rexistrados no ano 2022. Ademais, asegurou que entre os expedientes obxecto de reparo figuran 20 obras contratadas verbalmente polo alcalde e sen procedemento administrativo previo.
Pola contra, o grupo nacionalista apoiou a modificación de crédito que permitirá incorporar ao orzamento municipal 2.405.124,89 euros procedentes do remanente de tesourería. Pablo Vidal defendeu que os recursos públicos deben empregarse para cubrir necesidades da veciñanza e valorou positivamente investimentos previstos como a ampliación das redes de abastecemento de auga en Ardemil e Buscás ou as melloras previstas nas instalacións de Leira e Montaos.
Tamén considerou positiva a realización de actuacións de accesibilidade no casco urbano, aínda que criticou que o Goberno local non facilitase previamente o proxecto aos grupos da oposición para realizar achegas. Neste ámbito, o BNG solicitou correccións e a inclusión doutras zonas que considera esquecidas.
Os nacionalistas tamén lamentaron que non se contemplen actuacións para substituír as tubaxes de fibrocemento aínda existentes na rede de abastecemento urbana, nin medidas relacionadas coa ampliación do polígono industrial de Merelle, a promoción de vivenda pública ou a ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR).
Outro dos asuntos destacados foi a situación da auga da rede pública no Mesón do Vento. Segundo o BNG, nos últimos catro anos rexistráronse cinco análises nas que a auga foi declarada non apta para o consumo. A formación asegura que os informes publicados polo Ministerio de Sanidade recollen incumprimentos en parámetros como os trihalometanos, enterococos ou cloratos.
Pablo Vidal cualificou de especialmente grave que, segundo sostén, o Concello non informase á veciñanza destas incidencias. O portavoz nacionalista reclamou ao Goberno local que adopte medidas urxentes para garantir unha auga segura e que comunique de inmediato calquera incidencia sanitaria que poida afectar á poboación.
No ámbito ambiental, o BNG tamén pediu unha investigación sobre a aparición de numerosas troitas mortas no río Cabrón e no rego da Fraga o pasado 26 de xuño. Os nacionalistas solicitan comprobar se existe relación entre este episodio e o funcionamento da depuradora municipal.
Tras realizar visitas á contorna da EDAR e ao rego da Fraga, o Bloque asegura ter detectado cheiros, depósitos de diferentes substancias, turbidez na auga e deficiencias de mantemento nas instalacións, incluíndo tramos do valado deteriorados. Ademais, lembra que o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa considera deficiente o estado ecolóxico deste curso fluvial debido á contaminación asociada ás infraestruturas de saneamento e depuración.
Por este motivo, Pablo Vidal instou ao Concello a impulsar a ampliación e modernización da EDAR de Ordes, tanto para resolver os problemas ambientais detectados como para facilitar futuros desenvolvementos industriais.
Durante o apartado de rogos e preguntas, o BNG tamén solicitou campañas informativas sobre a eclipse prevista para o 12 de agosto, medidas para mellorar a seguridade eléctrica da depuradora, a reparación dunha beirarrúa na rúa do Laranxal, explicacións pola perda de subvencións municipais, información sobre os cortes de subministración eléctrica rexistrados en xullo, solucións ás incidencias no servizo de recollida de vidro e aclaracións sobre a demora na adxudicación do contrato de xestión das escolas infantís municipais.