O BNG de Ordes denuncia incumprimentos no proxecto do parque eólico Monte Inxerio

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ordes, representado polo seu portavoz, Pablo Vidal, e o concelleiro Avelino Candal, vén de presentar alegacións en contra da declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Monte Inxerio. A resolución favorable permitiría á promotora expropiar os terreos necesarios, unha posibilidade que os nacionalistas consideran prematura e inxustificada debido ás importantes eivas detectadas no proxecto.
O parque, que prevé a instalación de oito aeroxeradores cunha potencia total de 41,6 MW, sufriu modificacións respecto ao proxecto inicial, entre elas a redución de once a oito aeroxeradores, pero aumentando a súa potencia nominal de 3,465 MW a 5,2 MW cada un. O BNG alerta de que estas alteracións técnicas requiren un novo informe acústico, pois o actual, presentado na declaración de impacto ambiental previa, queda obsoleto. Segundo Vidal, “a maior potencia e o aumento do tamaño das pás dos aeroxeradores poden xerar un impacto acústico superior, obrigando a reavaliar as localizacións previstas ou mesmo a realizar unha nova declaración de impacto ambiental que podería resultar desfavorable”.
Ademais, o concelleiro Avelino Candal advirte do incumprimento da lexislación en canto ás distancias mínimas aos núcleos rurais. “O aeroxerador MI-06 está proxectado a menos de 500 metros do núcleo rural de Meitufe, algo que contravén a normativa vixente e pon en risco a calidade de vida da veciñanza”, explicou.
O BNG subliña que non se debería avanzar na declaración de utilidade pública nin nas expropiacións ata que se solucionen estas eivas. “Non ten sentido ocupar terreos cando non se poden definir con exactitude debido ás posibles modificacións técnicas e legais que o proxecto aínda debe afrontar”, concluíu Vidal.
Os nacionalistas reiteran o seu compromiso co desenvolvemento de enerxías renovables, pero sempre respectando as normativas vixentes e priorizando o benestar da veciñanza afectada.