O BNG de Ordes denuncia deficiencias na rede de pluviais

ACoruñaXa
O portavoz nacionalista tamén criticou a decisión do goberno local de prorrogar por cinco anos a concesión á empresa
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
27 sep 2024

O portavoz do BNG de Ordes, Pablo Vidal, alertou sobre a situación de abandono na rede de pluviais da vila, afirmando que "desde o BNG levamos anos denunciando as deficiencias", sen que se teñan tomado medidas de limpeza ou desentullo por parte do goberno municipal. Segundo Vidal, os atascos na rede son tan graves que "en algunhas bocas aflorou vexetación que prende nos entullos".

O portavoz nacionalista tamén criticou a decisión do goberno local de prorrogar por cinco anos a concesión á empresa Espina & Delfín, a pesar de que esta non acadou subvencións da segunda convocatoria de axudas para mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga, á cal se incluíu Ordes. Vidal cualificou esta prórroga como "un premio á empresa a cambio de nada", e destacou que o BNG votou en contra desta medida en sinal de protesta.

Nunha segunda intervención, o BNG de Ordes tamén manifestou a súa oposición á suba do canon de SOGAMA que a Xunta de Galicia pretende aplicar aos concellos, votando en contra dunha moción presentada polo PP. Os nacionalistas consideran que o Partido Popular tenta "defender o indefendible" e responsabilizan ao goberno autonómico da mala xestión do sistema de residuos.

Segundo o BNG, "mentres Europa aposta por políticas de reciclaxe, o PP na Xunta optou por un modelo baseado na incineración e no depósito en vertedoiro", o que provocou un aumento dos custos. Agora, segundo denuncian, a Xunta pretende cubrir ese déficit cunha suba progresiva do canon de SOGAMA ata os 108 euros por tonelada no ano 2025, unha medida que cualifican como "un taxazo" que afoga aos concellos.

Por outra banda, a concelleira do BNG, María Vieites, puxo sobre a mesa a urxente necesidade de repintar a sinalización horizontal nas rúas de Ordes. "Hai varios pasos peonís que aínda non foron sinalizados despois das obras de pavimentación de agosto", apuntou Vieites, poñendo como exemplo as rúas Nova e Ramón Carro Romero. Tamén advertiu dos riscos que supón a falta de visibilidade coa chegada das choivas, instando ao alcalde a proceder co repintado das rúas.

Ademais, o portavoz Pablo Vidal propuxo a instalación dun paso peonil que comunique o Ceidón cos Bosteiros, unha actuación que considera "necesaria e urxente" para garantir a seguridade dos veciños. O BNG instou ao goberno local a trasladar esta demanda á Axencia Galega de Infraestruturas e elaborar un proxecto para a súa execución.

0.19338822364807