O BNG de Ordes consegue apoio para solicitar un apeadoiro de trenes próximo ao centro urbano do municipio

ACoruñaXa
Durante o pleno municipal levado ao cabo este xoves tratouse tamén as adaptacións do castastro ao P.X.O.M. e os protocolos de xestión para as colonias felinas
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
28 Xuño 2024

O pleno da corporación municipal aprobou por unanimidade a moción do BNG, demandando ao “Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible” a que inclúan nos estudos de viabilidade para a construción da vía férrea entre Curtis e Ordes, a construción dun apeadeiro próximo ao casco urbano da vila de Ordes.

Segundo defendeu o voceiro do BNG, Pablo Vidal, “de construírse o tramo entre Curtis e Ordes, abriríase a posibilidade de conectar Ordes realmente co tren coa construción dun apeadeiro a carón do casco urbano, dispoñendo dunha alternativa viable ao coche para o conxunto da veciñanza”.

Vidal agradece o apoio da corporación á proposta do BNG, agardando que “o goberno central teña a ben atendela, para que Ordes non volva a perder o tren, como xa ten acontecido no pasado, tanto por inacción como por desafortunadas decisións”.

Adaptacións do catastro

A entrada en vigor do P.X.O.M. de Ordes, modificou entre outras, as delimitacións de solo de núcleo rural, de xeito que segundo indican os nacionalistas, “algunhas parcelas entraron dentro de núcleo e outras perderon esa condición, pasando a ser solo rústico”. Estas modificacións, segundo expuxo Pablo Vidal, portavoz do BNG, “alteran o valor catastral da propiedade, e polo tanto o recibo do IBI que deben pagar os propietarios”.

Desta forma, desde o BNG alertan que “de non estar adaptado o catastro a estes cambios antes do 1 de xaneiro do vindeiro ano, existirán casos nos que parcelas paguen contribución de urbana inxustamente, cando realmente pasaron a rústica”.

O bloque demanda ao alcalde “celeridade” nos trámites precisos para “adaptar o catastro ao P.X.O.M. de Ordes, ou cando menos tomar as medidas oportunas para compensar aos propietarios das parcelas que perderon a condición de solo de núcleo rural” .

Proposta para completar os protocolos de colonias felinas

Doutra banda, a raíz dos acontecementos sucedidos entre o 20 e 25 de xuño, que remataron co rescate dúas crías de gato, desde o BNG consideran que “debemos todos/-as aprender desta situación e tomar as medidas oportunas para evitar que volva acontecer no futuro”.

Neste sentido, desde a fronte nacionalista apuntan que “a pesares de que existe un protocolo de xestión de colonias felinas publicado na páxina web do concello, o certo é que non recolle cal debe ser o xeito de proceder en caso de que sexa preciso efectuar un rescate”.

Por iso, desde o BNG instaron ao alcalde a “revisar e completar o protocolo de xestión de colonias felinas, indicando o xeito de proceder en caso de ser preciso efectuar un rescate de animais”, cuxo contido consideran que como mínimo debe recoller “as persoas ou organismos encargados do rescate e o seu contacto, análise das causas que motivaron o rescate e medidas a adoptar para que non se volva a repetir a situación, e as accións a desenvolver para informar á veciñanza sobre o contido do protocolo”.

0.10177302360535