O BNG de Ordes acusa ao alcalde de dirixir un goberno cunha “praga de contratos municipais vencidos"

ACoruñaXa
O voceiro do BNG denuncia irregularidades e critica a xestión orzamentaria do goberno municipal
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
19 Xul 2024

No recente debate sobre a conta xeral do concello de Ordes, Pablo Vidal, voceiro do BNG, salientou que no ano 2023 chegaron a existir ata oito contratos vencidos, o que, segundo el, constitúe unha flagrante violación da lei de contratos do sector público. Vidal exemplificou esta situación co contrato de recollida de R.S.U. e limpeza viaria, caducado dende 2022, calificando a situación de "total irresponsabilidade" por parte do alcalde, quen xestiona uns 579.000 euros ao ano de xeito irregular, obrigando á intervención municipal a formular numerosos reparos.

Ademais, Vidal criticou a xestión orzamentaria do goberno municipal, sinalando que, a pesar de anunciar en agosto un presuposto de 14,2 millóns de euros, o máis inversor en 12 anos, se deixou sen executar preto de 2,2 millóns de euros. Por estes motivos, o BNG votou en contra da conta xeral de 2023, rexeitando o que consideran unha xestión irregular e un "bluff" orzamentario.

Denominación do Auditorio da Casa da Cultura

O BNG decidiu absterse na proposta da alcaldía para que o auditorio da Casa da Cultura de Ordes se denomine “María del Carmen Regueira Amor”. A formación nacionalista recoñece o mérito da homenaxeada, pero considera que o auditorio debería estar reservado para entidades ou persoas vinculadas coas artes escénicas. Como alternativa, propoñen que a sala de exposicións da Mostra do Traxe Juanjo Liñares leve o nome de Regueira, debido aos lazos que mantén con estas instalacións.

Apoio á Moción do BNG sobre a AP-9

O pleno da corporación municipal de Ordes acordou por unanimidade apoiar a moción do BNG que demanda o rescate e transferencia da AP-9 á Xunta de Galiza. Segundo os nacionalistas, as prórrogas da concesión, decididas polos gobernos de Felipe González e José María Aznar, foron adoptadas de forma irregular segundo a Comisión Europea. O BNG subliñou a importancia de lograr unha AP-9 galega e libre de peaxes, malia o abaratamento nas tarifas conseguido grazas ás súas negociacións. Instan ao goberno do Estado a anular a prórroga de 25 anos e asumir a xestión directa da autoestrada.

Outras cuestións abordadas polo BNG

Durante o pleno, o BNG denunciou o “lamentable” estado da rúa do Sancristán Francisco do Mesón do Vento, solicitando a súa pavimentación axeitada. Tamén alertaron sobre a situación do centro de saúde de Ordes, onde as citas de atención primaria están a sufrir demoras de ata un mes debido á falta de persoal médico.

Outros temas de interese para o BNG incluíron o arranxo de pistas entre os núcleos de Cestaños e O Alto, a exploración de melloras na pista que conduce do Mesón do Vento a Morgade, a existencia de vertedoiros ilegais na Portela, a falta de dispoñibilidade dos pavillóns municipais durante o verán e o incumprimento da lei que obriga a elaborar un censo de instalacións con amianto antes de 2028.

0.16280603408813