O BNG de Oleiros levará ao Pleno as análises que prohiben o baño na praia do Porto de Santa Cruz

ACoruñaXa
O partido esixirá aclaracións sobre a calidade da auga e as medidas adoptadas tras a inversión no tanque de tormentas
Imaxe da praia de Santa Cruz
20 Dec 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Oleiros anunciará no próximo Pleno municipal unha serie de preguntas para esclarecer a situación ambiental da praia do Porto de Santa Cruz, onde as análises de auga seguen a declarar a zona como non apta para o baño. A pesar do investimento de 4 millóns de euros no tanque de tormentas, a Xunta de Galicia mantén a prohibición permanente do baño, xerando preocupación na veciñanza sobre o estado real da calidade das augas.

O BNG esixirá respostas claras sobre as causas das análises negativas e preguntará a Augas de Galicia polos vertidos existentes ou posibles conexións ilegais á rede de saneamento que poidan estar afectando os ríos que desembocan na zona. A formación nacionalista tamén demandará máis transparencia sobre as actuacións realizadas para resolver esta situación, xa que o investimento debía acabar cos vertidos na contorna.

Ademais, o portavoz municipal do BNG plantexará outras cuestións de interese cidadán, como a chegada do quinto contedor de residuos orgánicos. O grupo instará ao Concello e ao Consorcio a implementar campañas de concienciación para asegurar un uso axeitado destes novos contedores.

Outro tema clave será a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostíbel. O BNG quere coñecer como se desenvolverá o proceso participativo iniciado polo Concello e cal será o impacto real nas accións futuras do Goberno municipal. Así mesmo, insistirá na creación dunha xunta de portavoces para garantir a representación democrática dos grupos políticos.

Por último, o BNG tamén pedirá explicacións pola eliminación da liña municipal de autobús entre Lorbé e O Burgo, unha medida que considera “contraditoria” coas reivindicacións dun mellor transporte público. A formación nacionalista solicita reconsiderar esta decisión ou atrasala ata dispoñer dunha alternativa que asegure un servizo eficiente e accesible para a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
1.0599331855774