O BNG de Oleiros esixe solucións ante os incumprimentos da empresa concesionaria da limpeza
O BNG de Oleiros trasladará ao pleno ordinario de xaneiro as queixas sobre o servizo de limpeza en determinados centros públicos municipais, actualmente xestionado por unha empresa concesionaria. Segundo denuncian, dende setembro do 2024, cando esta empresa asumiu o servizo tras o concurso público, detectáronse múltiples incumprimentos que afectan tanto ao persoal como ás usuarias e usuarios das instalacións.
Entre os problemas máis salientables atópanse a falta de material adecuado para realizar o traballo, a non provisión de roupa e calzado ao persoal, a escaseza de subministracións como papel ou produtos hixiénicos e mesmo a ausencia de caldeiros específicos para materiais de hixiene íntima feminina. Estes fallos afectan á calidade do servizo nunha serie de instalacións como bibliotecas, concellarías ou o espazo A Fábrica.
Desde o BNG consideran inadmisible esta situación e instan ao Goberno local a actuar de inmediato para esixir á concesionaria o cumprimento estrito das súas obrigas contractuais. Tamén solicitan un maior control por parte da administración para evitar futuros incumprimentos.
A formación nacionalista pon como exemplo positivo o funcionamento do servizo de limpeza en centros como a Casa do Concello, Facenda ou a Policía Local, onde esta tarefa é realizada directamente pola administración pública. Por iso, aproveitarán esta situación para reivindicar que a xestión da limpeza en todos os centros municipais sexa asumida con medios propios do Concello de Oleiros, garantindo así unha maior calidade e control no servizo.
“Non é aceptable que un servizo tan esencial como a limpeza de centros públicos, que afecta á veciñanza, ao persoal e ao propio funcionamento das instalacións, non se realice nas condicións necesarias. Desde o BNG defenderemos que a xestión pública directa é a mellor alternativa para ofrecer unha atención axeitada e eficiente”, sinalaron fontes da formación.