O BNG de Miño propón transformar o Parque das Telleiras nun espazo para o lecer e o deporte

ACoruñaXa
A formación reclama acondicionar os 17.000 metros cadrados da zona verde de Costa Miño con sendeiros, áreas de descanso, un espazo canino e unha instalación de calistenia, ademais de crear illas climáticas e aclarar a situación do CPI Castro Baxoi
Alberte-G.-Nicolás-BNG-Miño
15 Oct 2026

O BNG de Miño propón unha mellora integral do Parque das Telleiras, situado na urbanización Costa Miño, para convertelo nun parque urbano con alternativas para pasear, descansar, practicar deporte e favorecer a convivencia veciñal. A iniciativa busca aproveitar os arredor de 17.000 metros cadrados deste espazo verde mediante a incorporación de novos equipamentos e o acondicionamento das zonas existentes.

O portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás, considera que o parque ten potencial para converterse nun punto de encontro para persoas de todas as idades, pero sinala que actualmente conta con poucos elementos, entre eles algunhas árbores e bancos de pedra, e carece dunha rede de sendeiros acondicionados e de zonas de descanso suficientes.

Entre as actuacións que propón a formación nacionalista figura a creación dunha área canina delimitada e equipada para que os animais poidan esparexerse con seguridade, así como a instalación dunha zona de calistenia para realizar exercicio físico ao aire libre.

A proposta inclúe tamén acondicionar camiños e habilitar áreas de descanso que permitan combinar actividades como camiñar, correr, ler ou pasar tempo en familia. O BNG pide ao goberno local que planifique estas melloras para aproveitar as posibilidades do parque e reforzar o seu uso como espazo de convivencia.

A formación sinala que Costa Miño conta con arredor dun milleiro de residentes e considera que a urbanización debería aproveitar mellor unha zona verde destas dimensións. O obxectivo, segundo o portavoz nacionalista, é que as Telleiras se convertan nun parque de referencia e contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

O BNG pide máis sombra no casco urbano para combater a calor

Ademais da proposta para o Parque das Telleiras, o BNG de Miño defende a creación dunha rede de illas climáticas no casco urbano para reducir os efectos das altas temperaturas e mellorar o confort térmico nos espazos públicos.

A iniciativa aposta por aumentar a presenza de árbores e vexetación en rúas, prazas e zonas de encontro, incorporando tamén áreas de descanso. Nos lugares onde non sexa viable plantar árbores, a formación propón estudar solucións alternativas que permitan crear zonas de sombra.

O obxectivo é contar con espazos públicos máis agradables e saudables durante os períodos de calor e mellorar a capacidade do municipio para afrontar as vagas de altas temperaturas.

Preguntas pola conserxería e o ascensor do CPI Castro Baxoi

Por outra banda, o BNG volverá preguntar ao goberno municipal pola situación do servizo de conserxería e do ascensor do CPI Castro Baxoi, dúas cuestións que, segundo a formación, continúan pendentes desde o inicio do curso 2026-2027.

Os nacionalistas reclaman información sobre os avances para cubrir o posto de conserxe e sobre a data prevista para recuperar o funcionamento do ascensor. Tamén solicitan explicacións sobre os motivos do seu peche e sobre o estado da certificación necesaria para volver utilizalo.

0.15191602706909