O BNG de Miño logra o acordo unánime do pleno para a mellora da seguridade en Sombreu e Bemantes

ACoruñaXa
Desde o partido demandan con urxencia que o goberno municipal ‘identifique os “puntos negros” e estude as súas solucións, así como que abra un diálogo coas diferentes administracións titulares das vías’
Imaxe dun coche que chocou cunha fachada en Miño
10 Xul 2024

O BNG de Miño presentou ao longo deste primeiro ano de mandato varias iniciativas para atallar os problemas de seguridade viaria no concello. No pleno municipal celebrado o pasado 20 de xuño, o BNG logrou o apoio unánime para reclamar á Xunta da Galiza medidas para reducir a velocidade dos vehículos. Para as nacionalistas, debido ao trazado particular en ambos núcleos, no caso de Sombreu conta con curvas moi pechadas e con escasa visibilidade e, no caso de Bemantes, o trazado caracterízase por longas rectas,  o exceso de velocidade é un risco para a veciñanza que se despraza a pé.

‘No último pleno, presentamos unha moción instando á Xunta a atallar dunha vez por todas as demandas da veciñanza de Sombreu e Bemantes ao respecto dos perigos da AC-160’, sinalou Alberte G. Nicolás, ‘15 días despois, un coche bateu cunha casa en Sombreu e por sorte só houbo danos materiais. O PP, no goberno galego, é coñecedor dos problemas xa que levamos anos insistindo na adopción de medidas a través dos orzamentos da Xunta da Galiza e sempre foron rexeitadas’.

Desde o BNG de Miño, demandan con urxencia que o goberno municipal ‘identifique os “puntos negros” e estude as súas solucións, así como que abra un diálogo coas diferentes administracións titulares das vías’ co fin de darlle solución a un problema ‘máis que evidente’ e que urxe solucionar ‘para non ter que lamentar vítimas’.

Para o voceiro nacionalista, Alberte G. Nicolás, ‘a cegueira do goberno municipal neste asunto é total, xa que nin sequera é capaz de ver a velocidade á que circulan moitos vehículos por diante do edificio consistorial na rúa da Carreira’.

0.18918895721436