O BNG de Miño esixe ao goberno local unha solución urxente para o afundimento da rúa da Ribeira
O BNG de Miño critica a inacción do Concello diante do afundimento do firme na rúa da Ribeira, un problema que leva máis de dous meses alterando o tránsito na contorna do Centro Social da Rúa.
“Actualmente, a rúa da Ribeira ten un uso moi elevado debido ao acceso á Praia da Ribeira para moitas veciñas e turistas”, destacou Alberte G. Nicolás, voceiro do BNG de Miño. “A falta de sinalización en rúas anexas tamén pode causar problemas adicionais de tráfico, especialmente nunha época do ano en que Miño duplica a súa poboación”, engadiu Nicolás.
O BNG urxe ao goberno local a resolver de maneira inmediata este problema, xa que, segundo afirmaron, “o desleixo do Concello está provocando molestias e problemas de seguridade nesta rúa”. A formación nacionalista demanda unha acción rápida para evitar maiores complicacións e garantir a seguridade dos veciños e visitantes.